O Concello de Foz celebrará cun acto os 40 anos de corporacións municipais democráticas. Será o vindeiro domingo, día 22, ás doce do mediodía na Sala Bahía e están convidados a participar os alcaldes e concelleiros que formaron parte da corporación focense durante estas catro décadas e familiares dos que xa faleceron. O evento foi presentado polo alcalde, Fran Cajoto, e o concelleiro de Relacións Institucionais, Carlos García.
O rexedor focego explica que é “un acto importante e que cremos que vai ser emotivo para conmemorar 40 anos desde aquel 1979, cando se celebraron as primeiras eleccións municipais democráticas, despois dunha ditadura longa e penosa. Queremos homenaxear a todos eses concelleiros e alcaldes que traballaron polo seu pobo gastando do seu tempo de lecer e da familia, ás veces de forma ingrata ou non recoñecida, para buscar o ben dos seus veciños”, indicou Cajoto.
O CONCELLO ANIMA A ACUDIR
“Non está de máis nunca recordar e agradecer e poñer en valor a todas esas persoas porque é complicado ser concelleiro e representar aos teus veciños, e máis nun pobo de tamaño mediano, como é Foz, e ao final queda o traballo feito, quedan as obras e tamén ese agradecemento común. E queremos que sexa unha festa para todos, entón este domingo esperamos que se achegue moita xente e que sexa un acto para lembrar e para ter outros 40 anos máis de avance en Foz”.
E Carlos García destaca que este domingo “será unha xornada histórica para Foz pola emotividade que ten celebrar 40 anos de corporacións municipais democráticas, da nosa institución, do marco de convivencia municipal por excelencia e no que tantas persoas exerceron funcións de representación”. Participarán ex rexedores como Martín Beltrán, José María García Rivera ou Javier Jorge Castiñeira, ademais de preto dun centenar de concelleiros e familiares.
“Eles recibirán o cariño e o calor de todo o pobo de Foz polo tempo que cederon aos seus seres queridos en pos da prosperidade do noso municipio”, expuxo García Rivera.
NOTA HISTÓRICA E MÚSICA EN DIRECTO
O edil de Relacións Institucionais de Foz engade que “o acto constará dunha presentación e dunha nota histórica, tamén teremos música en directo e un recordo para todos os concelleiros. Este acto entronca perfectamente coa senda do horizonte 2030 que vimos de adoptar por unanimidade de todos os grupos políticos do pleno do Concello de Foz, o que demostra unha altura de miras moi necesaria para estes tempos”.
García rematou dando as grazas “aos concelleiros e a todos os funcionarios involucrados na organización deste acto, que elaboraron un censo completísimo de todos os cargos, un traballo excepcional. Agora só nos queda encontrarnos este domingo día 22, desfrutar e celebrar o aniversario deste marco de convivencia de paz e continuar na procura de solucións e iniciativas para un futuro máis próspero para todo o pobo de Foz”.