A Xunta de Galicia concedeu unha axuda ao Concello do Valadouro por importe de 165.000 euros. Con esta subvención, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, o goberno local executará o arranxo integral da depuradora de Santa Cruz.
En concreto, a bonificación servirá para cambiar os equipos de filtración e instrumentalización na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) desta parroquia valadourense.
A depuradora abastece a preto de 260 habitantes e aos depósitos de Ribadela, Río Cabreiro, Vilacemil e A Pedreira. O goberno local presentou ao Goberno galego unha proposta para mellorar a calidade da traída, insuficiente especialmente en épocas de chuvias intensas.
SOSTEMENTO DOS SERVIZOS
A subvención da Xunta permitirá ao Concello mercar unha nova desbrozadora –valorada en 21.700 euros– para tratamentos silvícolas e comprar unha coitela dianteira para o tractor municipal, que se usa na mesma fin.
O Goberno autonómico financiará ademais, cun importe máximo de 36.200 euros, os gastos de funcionamento do servizo de xestión de residuos, limpeza viaria e xestión de auga, así como da brigada de protección e mantemento de espazos naturais.