O pleno de Ribadeo aprobou unha moción de urxencia rexistrada polo equipo de goberno para instar á Xunta de Galicia a que licite as obras de substitución “polo procedemento de urxencia” da acometida de auga de Vilarbetote, que está nunha “situación límite de obsolescencia”, resaltou o executivo municipal, “pola que podemos quedar en calquera momento desabastecidos”.
A ÚLTIMA ROTURA, O PASADO MARTES
O equipo de goberno ribadense sinala que no mes de xullo rexistráronse cinco roturas na tubaxe principal, unha delas o pasado martes, no mesmo día do pleno. O executivo municipal resalta que os elementos que integran a acometida -ventosas, válvulas de seccionamento- atópanse en “estado grave de deterioro”, e que se suceden as avarías pola súa precariedade e non por outras circunstancias, coma treboadas ou accidentes.
A acometida, situada no termo municipal de Trabada, capta auga do río Eo e impúlsaa a través duns 20 quilómetros de tubaxe até a súa distribución no depósito de Santa Cruz. É, polo tanto, unha insfraestrutura supralocal. A súa construción, con materiais de fibrocemento, data dos anos 70 do século pasado.
PROXECTO SEN LICITAR
O alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, sinala que “a Xunta redactou e ten no caixón un proxecto de substitución da acometida desde Santa Cruz a Vilarbetote, que supón uns cinco millóns de euros. Ribadeo ben o merece”, indica o rexedor, que lembra que o outro punto de captación de auga do municipio, en Lexoso, que vén do Río Grande, “ten moi pouco caudal en verán”.
OUTRAS MOCIÓNS
Na sesión plenaria tamén se aprobou o rexime de xestión da residencia, eximir de pagar a taxa por ocupación de vía públia a entidades sen ánimo de lucro e unha moción para declarar persoas non gratas no municipio aos membros de La Manada, entre outras cuestións.