O PSOE de Barreiros denuncia o estado “lamentable” de praias e parques infantís

Os socialistas afirman que hai lixo que leva "un mes sen recoller" e que o espazo para os nenos en Reinante "non cumpre as condicións mínimas de seguridade"

Lixo sen recoller preto dun areal de Barreiros. AXM

O PSOE de Barreiros denuncia o estado “lamentable” no que se atopan praias e parques infantís do municipio debido “á falta de limpeza e mantemento por parte do goberno local”.

A voceira dos socialistas no municipio, María Carmen Veiga, afirma que “as praias están sen limpar” e que “o único que quitan do areal os operarios municipais son elementos voluminosos, como anacos de madeira ou antucas abandonadas, que deixan na ribeira ou ao carón dos contedores de lixo e que levan un mes sen recoller por parte do Concello”.

O grupo municipal socialista lamenta os “contínuos verquidos na praia de Arealonga, en San Miguel de Reinante, por culpa de que a depuradora está deseñada para servir a 500 habitantes”. O PSOE insta á Xunta de Galicia a que “asuma as súas competencias e dote a esta zona dunha nova Edar”.

“PERIGO PARA OS NENOS”

O PSOE de Barreiros afirma tamén que o parque infantil de San Miguel “non cumpre coas mínimas normas de seguridade, pois o mobilitario atópase deteriorado e roto, con achas de madeira e cravos oxidados que poñen en perigo a integridade física dos nenos”. Os socialistas advirten de que “as zonas verdes da contorna están desatendidas e as beirrarúas cheas de lixo, con cabichas e excrementos de aves”.

Parque infantil co mobiliario roto. AXM

“CUSTO ECONÓMICO”

O grupo municipal do PSOE censura “a pésima imaxe que dá Barreiros, nunha época estival na que A Mariña triplica o número de poboación polos turistas”, algo que cre que “repercutirá negativamente na economía do municipio”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here