A empresa que contaba co permiso de explotación do local de hostalería ubicado na zona do Mazo de Ferreiravella renunciou á adxudicación o pasado venres. O BNG de Riotorto lamenta o peche do establecemento “en pleno verán” e critica a xestión que o executivo local está a facer do conxunto etnográfico.
Os nacionalistas esixen que o goberno municipal “aclare cal é o seu proxecto para a área recreativa do mazo. Gastáronse 62.000 euros de axudas públicas en mobiliario novo cando aínda estaba sen usar o adquirido, o que, co peche do local, se confirma como un absoluto despilfarro de recursos”, denuncia a formación frontista, que engade que “o Concello recibiu este mesmo ano uns 7.500 euros para visitas guiadas ao mazo “das que nada se soubo”.
OS FRONTISTAS ASEGURAN QUE “SE RECIBIRON 7.500 EUROS PARA VISITAS GUIADAS DAS QUE NADA SE SOUBO”
O BNG riotortense argumenta que para potenciar o recurso que supón “o potencial da tradición ferreira en Riotorto” é preciso “habilitar prazas de aloxamento e a realizar diversos arranxos no mazo e no seu mecanismo que se foron deteriorando co paso do tempo”.
SEN PLENO
O BNG de Riotorto sinala que agardaba pedir explicacións ao alcalde, o popular Clemente Iglesias, no pleno ordinario que debía celebrarse hoxe e que non se convocou”.
Outro das cuestións que os nacionalistas queren abordar é o caso “dun empregado público contratado para labores de mantemento no concello que prestaba servizos de hostalaría, no seu horario laboral, nunha cafetería de As Rodrigas rexentada por un candidato do PP nas eleccións locais”.