InicioPolíticaLlano propón unha dedicación exclusiva e tres parciais polo mesmo importe da...

Llano propón unha dedicación exclusiva e tres parciais polo mesmo importe da pasada lexislatura

O rexedor de Burela percibiría 45.000 euros; Ramiro Fernández e Carmela López ostentarían a primeira e segunda tenencia de alcaldía, con liberación parcial, ao igual que José Díaz

Publicada o

- Advertisement -

O PSdeG-PSOE de Burela levará o vindeiro martes a pleno (20.00 horas, consistorio) a proposta de organización do goberno municipal, na que se inclúen catro dedicacións, unha absoluta para o rexedor, o socialista Alfredo Llano, e tres para os edís Ramiro Fernández, José Díaz e Carmela López. Tralo fracaso das negociacións co BNG, que este venres fixo balance das mesmas, o partido socialista -con seis concelleiros- gobernará en minoría na vindeira lexislatura e dependerá para aprobar a estrutura do executivo local de que PP -con catro representantes- e BNG -con tres- non voten en contra.

Segundo confirmou Llano, o rexedor será o responsable das áreas de urbanismo, Protección Civil, Policía Local e persoal. Percibirá pola súa liberación unha cantidade de 45.000 euros brutos anuais.

AS MESMAS ÁREAS CA ENTRE 2015 E 2019

Fernández Rey será o primeiro tenente de alcalde, e asumirá, ao igual que na anterior lexislatura, deportes, obras e turismo. Terá unha dedicación parcial, por unha cantidade anual de 10.500 euros.

López, que foi a principal novidade da lista do PSdeG-PSOE nas eleccións municipais, farase cargo de servizos sociais, muller e igualdade e mar. Ostentará a segunda tenencia de alcaldía, e terá recoñecida unha dedicación parcial, por 7.000 euros anuais.

Díaz, responsable dos departamentos municipais de cultura e educación, terá tamén unha liberación parcial co mesmo importe que percibirá Fernández Rey, de 10.500 euros.

Noelia Ben, que tivera unha dedicación parcial no treito final da anterior lexislatura, cando asumiu carteiras que deixou a deputada autonómica Patricia Otero, terá as competencias en medio ambiente, mentres que Toñi Eijo levará cooperación e inmigración e escolas infantís, ademais de festexos.

AFIRMA QUERER “DARLLE UN PULO” AO CONCELLO

Respecto ás áreas, que continúan sen cambios respecto do ano anterior, Llano explica que nesta lexislatura a concellería de medio ambiente contará cun maior peso, “dado que estamos dentro do Pacto dos Concellos contra o cambio climático, e temos o reto do ciclo integral da auga“. Segundo expuxo o rexedor, Ben tamén se ocupará, dentro deste departamento, “da sanidade dos animais, especialmente dos domésticos, cans e gatos”.

No relativo ás dedicacións, Llano resalta que o gasto destinado “é o mesmo ca na anterior lexislatura”, cando había dúas liberacións parciais de 14.000 euros, e que se trata “do importe máis baixo neste aspecto da historia da democracia en Burela. Esta vez dividimos esa cantidade en tres, por unha razón simple e entendible: queremos darlle un pulo ao municipio e dedicarlle moitísimo tempo”, argumenta.

SOSTÉN QUE “URXE EMPEZAR” TRALA REPETICIÓN ELECTORAL

A periodicidade dos plenos será de dous ao mes, celebrándose o primeiro deles nesta mensualidade de xaneiro.

O alcalde de Burela, investido o pasado 7 de decembro, agarda que a proposta saia adiante “e poder poñerse a traballar, porque levamos case un ano de retraso”, indica, en relación coa reclamación de Burela Sempre, motivada polo extravío de sete votos nulos, que obrigou a unha repetición electoral que non se celebrou ata o 17-N.

LLANO DI QUE SE NEGOCIOU “CON HONESTIDADE” CO BNG

No tocante ás negociacións co BNG, Llano entende que se fixeron “dunha forma honesta” e que fracasaron pola “falta de equilibrio, ao entender de xeito distinto a proporcionalidade” dos resultados electorais. O rexedor insiste en ter en conta a opción de retomar as negociacións entre socialistas e nacionalistas máis adiante, unha posibilidade que, de aprobarse a estrutura do executivo, semella remota.

“Penso que quizais as solucións estiveron moi inducidas polas asembleas de cada partido”, asevera Llano, que lembra que as conversas comezaron en maio, “cando xa se recolleron unha serie de obxectivos para a lexislatura. Daquela non notamos unha gran decisión pola parte do BNG para entrar no goberno”, argumenta.

“Houbo posturas inamobibles no tocante ás áreas para determinar unha dedicación, e iso debeuse facer e decidir dunha maneira flexible e conxunta. Nos últimos días foi todo moi apurado e non se deu chegado a un acordo”, asegura Llano, que semanas atrás polemizou co voceiro do Bloque, Mario Pillado, ao afearlle este que non houbese ningunha xuntanza formal entre os dous partidos no prazo dun mes desde a investidura. O rexedor apelara a que si se produciron encontros entre os voceiros.

“Sempre acabamos ben e tentamos falar desde a armonía e o respecto”, indica Llano, que reitera o seu convite ao Bloque para formar “unha fronte de esquerda” a nivel programático, o que os nacionalistas rexeitaron.

O BLOQUE AFIRMA QUE O PSOE “QUIXO DESDE O PRINCIPIO” GOBERNAR EN SOLITARIO

O BNG expuxo este venres a través dun comunicado a súa postura, facendo fincapé na idea exposta con anterioridade de que “non atopamos o nivel de confianza necesario para chegar a un acordo e desenvolver un proxecto político para a nosa vila a longo prazo. Por iso cremos que o mellor é que sigamos traballando pola veciñanza na oposición”, expón Pillado.

No texto, os nacionalistas suxiren que o PSdeG-PSOE, que nun principio manifestou a súa intención de gobernar en minoría cun acordo programático para mostrarse aberto a un goberno de coalición trala repetición da votación da mesa do Perdouro, mantivo negociacións para asegurar a investidura. “Gobernar en minoría era a intención do señor Llano desde o principio“, sosteñen.

Pillado di que “se facemos un balance das negociacións, nos comezamos cedendo na nosa proposta de áreas de goberno que críamos que debíamos xestionar. Por iso marcamos prioridades en canto á representatividade do noso grupo en tódolos ámbitos pero tampouco se aceptou. Para tentar chegar a un acordo flexibilizamos a nosa postura rebaixando as nosas pretensións en canto ás dedicacións, pero iso tampouco serviu. Nun último intento rebaixamos tamén en canto á representatividade na xunta de goberno local pero seguían os problemas. Iso fixo que se xerara unha desconfianza que imposibilitou o acordo. Semellaba que dende a outra parte nunca eran suficientes as concesións que facíamos”, razoa o edil nacionalista.

OS NACIONALISTAS NON DESVELAN O SEU VOTO NO PLENO, O MARTES

Dende o BNG afirman que asumen que tomaron unha decisión firme e fanse responsables das consecuencias. Por agora, non desvelan o sentido do seu voto na sesión plenaria de organización. “Agora estamos na oposición, o seguinte paso é o pleno organizativo deste martes, temos uns días para analizar a proposta de goberno do alcalde e ver como a podemos matizar ou enmendar”, sinala Pillado.

“Xa neste pleno poderase ver como se desenvolve cada grupo nesta nova situación, cunha aritmética diferente e no que se poden producir todo tipo de situacións“, finaliza.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...