InicioPolíticaLlano pide á oposición "consenso" para "facilitar" a aprobación da estrutura de...

Llano pide á oposición “consenso” para “facilitar” a aprobación da estrutura de goberno

PP e BNG, que se reuniron coas súas respectivas agrupacións locais este luns, non desvelarán ata o pleno o seu voto á proposta do executivo en minoría

Publicada o

- Advertisement -

Despois dun pleno de investidura en Burela cun certo suspense e no que Alfredo Llano foi reelixido como alcalde cos únicos votos a favor dos concelleiros do PSdeG-PSOE, ante a abstención de Partido Popular e BNG, tras fracasaren as negociacións para un goberno de coalición entre socialistas e nacionalistas, o fracaso da última tentativa entre ambas formacións para acordar un bipartito fai que a sesión plenaria de organización do vindeiro martes (20.00 horas, consistorio) sexa tamén incerta, dado que a forza política con maior respaldo social -con seis edís- depende da decisión dunha oposición que conta con tres representantes, tres do Bloque e un do PP.

Neste sentido, o alcalde de Burela emitiu este luns un comunicado no que expuxo que “imos ver se a estrutura do executivo sae dunha forma consensuada” que “facilite a labor do equipo de goberno cara este mandato, con moitos retos por afrontar”. Llano remarca que, trala repetición electoral na mesa 1.5.U do Perdouro, que retrasou o resultado definitivo das eleccións municipais ao pasado 17 de novembro, “levamos un retraso considerable, desde o mes de xuño, porque estivemos en funcións. O obxectivo é comezar canto antes”, subliña.

QUERE FACER O PRIMEIRO PLENO ORDINARIO O 6-F

Deste xeito, o rexedor indica que “estamos pensando xa no primeiro pleno ordinario que temos que convocar, por unha serie de asuntos importantes para o funcionamento do Concello, para o día 6 de febreiro, como máis tarde”, avanza.

ÁREAS E DEDICACIÓNS

No tocante ás áreas de goberno, a proposta é a seguinte: Ramiro Fernández Rey seguirá a levar as Concellerías de Obras, Deportes e Turismo; José Díaz continuará á fronte de Cultura, Educación e Sanidade; Carmela López levará Políticas Sociais e Mar; Toñi Eijo será a responsable de Medio Ambiente, Escolas Infantís e Festexos; Noelia Ben levará Cooperación, Inmigración e Terceira Idade; e o alcalde estará á fronte de Urbanismo, Protección Civil, Policía Local e Persoal.

Llano tamén avanzou a finais da semana pasada a proposta de dedicacións, cunha liberación exclusiva de 45.000 euros brutos anuais para o rexedor, e tres parciais -para López por 7.000 euros e Díaz e Fernández Rey por 10.500- polo mesmo importe que as dúas recoñecidas na pasada lexislatura.

O rexedor salienta que se trata “do mesmo gasto que no anterior mandato” e xustifica a proposta en que “despois de levar tanto tempo en funcións é necesario traballar duro para poñer ao día ao Concello; e realmente esta xente que ten empregos fóra debe vir ao Concello a traballar e polo tanto faille falta dedicación parcial, como mínimo, para poñerse ao cargo das responsabilidades que corresponden”.

ROUCO: “O PLENO NON VAI SER NADA FÁCIL PARA ALGÚNS”

Tanto PP como BNG agardarán ao pleno para facer pública a súa postura sobre a proposta dos socialistas. Ambas as formacións mantiveron este luns s reunións a nivel local para decidir o sentido do seu voto. O voceiro dos populares burelaos, Manuel Rouco, augurou un pleno “nada fácil para algún dos grupos políticos”.

Malia que admite que Burela precisa un goberno canto antes, Rouco sinala que “de non habelo existirán dous responsables, o partido socialista e o Bloque, pois botaron tempo negociando para non chegar a ningún sitio e alongaron os prazos ata o último día para realizar o pleno organizativo. Foi un despropósito tremendo e parece que seguimos en funcións”, sinala.

Rouco mostrouse crítico co Bloque, quen malia “realizar fortes críticas ao PSOE durante a pasada lexislatura” rexeitou negociar cos conservadores “sen sequera sentar a falar cunha parte dos representantes do pobo de Burela, por puro sectarismo“. Así, lembrou que PP e BNG “gobernan xuntos en Catoira” e asegurou que “ás veces hai que dar un paso adiante”. Con todo, trala negativa dos nacionalistas, o PP non presentou candidato no pleno de investidura.

O BNG: “PÓDENSE PRODUCIR TODO TIPO DE SITUACIÓNS”

O BNG, pola súa parte, remarcou que “neste pleno poderase ver como se desenvolve cada grupo nesta nova situación, cunha aritmética diferente e no que se poden producir todo tipo de situacións” finalizou o voceiro dos nacionalistas, Mario Pillado.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...