O Concello de Barreiros estreará o vindeiro luns o regulamento orgánico que permitirá á veciñanza tomar parte nos plenos.
O texto establece que cando unha entidade ou un veciño formule unha proposta de actuación municipal de interese xeral ou unha iniciativa popular, a persoa autora ou representante poderá intervir na sesión do pleno que corresponda, aos efectos de explicala e defendela antes de que a corporación entre no debate do mencionado asunto.
Tamén contempla unha quenda de rogos e preguntas por parte do público asistente á sesión, que versarán sobre temas concretos de interese municipal, non podendo ser obxecto de tratamento plenario cuestións particulares.
QUENDA DE PALABRA
Unha vez finalizados os rogos e preguntas da corporación, abrirase unha quenda de palabra para que o público formule as preguntas. De rexistralas no Concello ou a través da sede electrónica ata 24 horas antes da celebración da sesión plenaria, a corporación “poderá dar unha explicación moito máis pormenorizada do asunto a tratar”, sinala o goberno local, que non obstante remarca que aqueles veciños que o desexen poderán intervir alí mesmo.
Por agora, segundo expón o Concello, para esta primeira sesión plenaria non se rexistrou ningunha iniciativa veciñal para a súa discusión no pleno, habendo tempo para formular preguntas de cara ao pleno, que se celebrará ás 20.30 horas.