O valadourense César Mogo será o encargado de presidir a Comisión de Defensa no Senado, onde xa forma parte da Comisión Permanente do grupo socialista. Tamén participará na Comisión de Asuntos Iberoamericanos como Secretario Primeiro, “unha nova responsabilidade que me permitirá seguir vencellado a un Continente esencial na miña traxectoria política”, sinalou.
No senado, asume outras responsabilidades “formando parte da Comisión Xeral de Comunidades Autónomas, como xa o fixo na pasada lexislatura, así como da Comisión de Despoboación e o Reto Demográfico. Dende aquí traballarei duro para impulsar propostas que contribúan a reverter a situación actual, nestes dous ámbitos que tanto afectan á nosa provincia e a Galicia”, afirmou.
BIOGRAFÍA
César Mogo naceu no Valadouro no 1960. Licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía. Foi director Xeral de Asuntos Institucionais da Presidencia do Goberno, así como Director do Gabinete do Ministro da Presidencia e da Secretaria de Estado de Función Pública, e tamén ocupou o cargo de Director do Gabinete da Secretaria de Estado de Inmigración e Emigración.