InicioPolíticaRego reclamará a execución das "infraestruturas pendentes" ante a "ameaza do desemprego"...

Rego reclamará a execución das “infraestruturas pendentes” ante a “ameaza do desemprego” na Mariña

O representante do BNG no Congreso reuniuse cos sectores económicos da bisbarra, que vive unha "complexa situación" ao longo da última década

Publicada o

- Advertisement -

O representante do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, participou este venres nun acto público no Cenima de Foz para explicar o pacto de investidura pechado polo partido nacionalista e mailo PSOE para a investidura de Pedro Sánchez. Tamén mantivo unha reunión con representantes dos sectores económicos da bisbarra, ante os que se comprometeu a reclamar na Cámara baixa a execución das “infraestruturas pendentes” da bisbarra, ante a “ameaza de desemprego” na Mariña Lucense.

Xunto á candidata por Lugo ao Parlamento de Galicia, Olalla Rodil, e á responsable comarcal do BNG, Ana Ermida, Rego conversou con representantes do sector pesqueiro, forestal, agrario ou turístico, da construción civil, así como con comerciantes e persoas autónomas, representantes sindicais e empresariais.

A A-74, A VAC COSTA NORTE, “CHAVES” PARA O DESENVOLVEMENTO

A autovía Barreiros-San Cibrao (A-74), o corredor Ferrol-San Cibrao (Vía de Alta Capacidade Costa Norte), comprometida desde hai once anos pola Xunta de Galicia, a creación dun porto comercial no dique norte de Morás, a reclamación dunha Autoridade Portuaria propia, a modernización do Feve ou a mellora das estradas N-634 e N-642, son infraestruturas “fundamentais para o desenvolvemento da comarca e esquecidas polos sucesivos Gobernos”.

“Diante da complexa situación que está a vivir a comarca, especialmente no último decenio 2010-2020, no que a pantasma real do desemprego percorreu e percorre A Mariña dunha punta a outra con Eres, reducións de plantilla e peches ou semipeches de moitas fábricas e empresas emblemáticas non só na comarca senón en todo o país, o BNG entende que tanto o Estado co a Xunta teñen que cumprir os múltiples acordos tomados nas institucións, case sempre por unanimidade, pero que á hora da verdade fican no esquecemento”, expuxo Rego.

Todas cuestións “fundamentais para o desenvolvemento da comarca e esquecidas polos sucesivos Gobernos”. Tamén se trataron temas como a pesca ou a enerxía, coa situación de Alcoa San Cibrao.

EXPLICOU O PACTO DE INVESTIDURA EN FOZ

A concreción dun estatuto das electrointensivas para Alcoa é unha das condicións do pacto de investidura que pecharon socialistas e nacionalistas para a conformación do Goberno do Estado, e que Rego explicou en Foz. O dirixente nacionalista considera o borrador do documento presentado polo Executivo central “un primeiro paso na dirección axeitada” para acadar “un marco estable, competitivo e predecible”, pero “insuficiente”.

O deputado da formación frontista no Congreso remarca que o acordo inclúe “que se eleve ao máximo a contía destinada a compensacións por emisións indirectas de CO2, e tamén que se actúe sobre a peaxe de transporte; non ten sentido que no mesmo sitio que producimos enerxía paguemos o mesmo que a 600 quilómetros de distancia. Presentamos alegacións e estaremos vixilantes de que se cumpran as condicións pactadas, que permitirían reducir a tarifa eléctrica entre oito e dez euros o megavatio/hora”, asegurou, condicionando a aprobación destas vantaxes “a compromisos das empresas co investimento e co emprego”.

FEVE

A “modernización do Feve, unha liña Ferrol-Ribadeo de tren que hoxe non é fiable e que ten unhas condicións absolutamente precarias, pero que pode consituír un magnífico medio de transporte”, foi outra das medidas pactadas. “Precisa investimento, pero tería unha rendibilidade importante”, conclúe.

Para Rego o pacto é “un magnífico acordo para Galicia, pois permitiu desbloquear a solución dalgúns dos principais problemas sociais e económicos do noso país, que levaban moito tempo esperando. É significativo que un deputado do BNG fose capaz de acadalo cando non o fixeron con anterioridade os 23 representantes galegos no Congreso e tampouco o presidente da Xunta, Feijóo, durante os anos que leva gobernando, algúns deles con Executivos do Partido Popular en Madrid. Está é a diferenza entre unha forza galega e outra estatal, que non é pequena”.

EMIGRANTES RETORNADOS

A modificación da normativa “para acabar coa estafa que sofren os emigrantes retornados por parte de Facenda, calculamos que 200.000 persoas afectadas, un 10% da poboación galega”, foi outro dos acordos remarcados por Rego na súa intervención en Foz. Tamén salientou “a rebaixa na AP-9, unha autoestrada na que levan subindo as peaxes 40 anos”, ou o compromiso acadado do Estado para transferir as competencias pendentes, “algunhas tan importantes como o tráfico, a seguranza pública ou a Xestión da Seguridade Social, prevista no artigo 33 do Estatuto de Galicia”. Neste senso, destacou que “Feijóo ten o récord en lograr que non se transferise nin unha soa no seu mandato”.

“O feito de que se contemplen os cambios políticos necesarios dar saída ás reclamacións colectivas dos pobos garante que Galicia teña o mesmo estatuto que Cataluña ou Euskadi. Este acordo conseguiu que se falase de Galicia e que se puxesen sobre a mesa os seus problemas”, rematou.

Visita de Rego a Barreiros. AXM

VISITA INSTITUCIONAL A BARREIROS

Rego mantivo ademais unha reunión co goberno local no Concello de Barreiros, onde visitou a praia de Arealonga e as instalacións das depuradoras de San Miguel e Reinante. O congresista comprometeuse a “pór enriba da mesa nas negociacións dos Orzamentos Xerais do Estado a demanda barreirense para que goberno central e Xunta de Galicia se poñan a traballar para solucionar un gravísimo problema na depuración de augas residuais, que a Xunta ten a obriga de asumir, obtendo financiamento de onde sexa preciso”.

Así mesmo, executivo municipal e deputado nacionalista abordaron a posta en protección do xacemento da Roda, “onde Xunta de Galicia e Ministerio de Fomento deben traballar coordinadamente para actuar sobre el e evitar que se continúe a producir o seu deterioro”.

O deputado do BNG comprometeuse a realizar todas aquelas xestións paralelas que sexan precisas para que as actuacións se leven a cabo no menor prazo posible, “xa que a protección do patrimonio cultural precisa de axilidade e inmediatez. Catorce anos de inacción e desprotección por parte dos gobernos son demasiados para un ben patrimonial da categoría do que estamos a falar”, asegurou. Os accesos ao polígono de Barreiros, con respecto da A-8 e da futura A-74, foron outros dos temas tratados.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...