A controversia en torno ao Imposto de Bens Inmobles (IBI) avívase en Ribadeo na antesala da apertura do período de pagamento do tributo, o vindeiro 17 de setembro.
O Partido Popular ribadense responsabiliza ao goberno local dunha suba do 8% nos recibos correspondentes a este ano, despois de que non prosperase as xestións realizadas polo executivo para reducir o tipo impositivo.
os ribadenses pagarán este ano un 0,67% do valor dos seus inmobles en concepto de ibi
Mentras, o equipo de goberno insiste en que o incremento se compensará cunha baixada do 16% de cara ao 2019.
ANTECEDENTES
En realidade, a situación arrastrase desde xaneiro pasado. Despois de que a finais de ano pasado Facenda actualizase os valores catastrais, autorizando un incremento do 1,8%, o concello aprobou en pleno unha modificación da ordenanza reguladora do IBI que reducía o tipo impositivo nun 8%, pasando do 0,67% ao 0,62 %.
o período de pago voluntario do ibi abre o 17 de setembro e conclúe o 15 de novembro
O alcalde ribadense expresaba daquela a súa vontade de “contrarrestar a suba” cunha baixada do tipo que mantería a contía a pagar nos mesmos valores. No entanto, a tramitación administrativa da baixada non se completou antes do 1 de marzo, requisito imprescindible para a súa entrada en vigor en 2018.
O goberno local argumentou que a demora se debera a procedementos como a publicación no BOE ou o tempo de exposición pública da ordenanza, e levou ao pleno unha baixada do 16% de cara ao 2019, explicando que a redución “compensaría a suba deste ano”.
no 2019, o tipo impositivo baixará un 16%. a redución aprobouse en marzo para “compensar” a suba deste ano
A inminencia do pagamento reactivou as críticas do PP, que volve cuestionar a xestión do goberno. “Nos non cremos que fora un erro senón que simplemente queren recadar máis para as arcas municipais a costa de todos os veciños, que son os que sempre acaban pagando”, dixo o voceiro popular, Jesús López Penabad.
O goberno municipal reitera a súa posición. “Fomos moi dilixentes para que esta suba non tivera efectos, pero circunstancias administrativas que non están nas nosas mans impedírono. O que si está nas nosas mans é baixar o dobre o ano que vén, como fixemos, para que, en definitiva, todo quede igual”, sentencian.