O Concello de Foz agarda ofertas de empresas interesadas na xestión da nova residencia de maiores. O pleno municipal aprobou este xoves a saída a contratación e o prego de condicións para a concesión da xestión do centro por dous anos, prorrogable por outros dous máis.
Dacordo co documento, na adxudicación primarase ás empresas que, á hora de contratar persoal, se comprometan a dar prioridade ás actuais traballadoras do asilo de Mensajeros de la Paz. Trinta e sete das 40 do novo xeriátrico serán previsiblemente ocupadas polos usuarios do centro xestionado pola oenegué católica que anunciou a inminencia do peche das instalacións, saturadas e obsoletas.
das 40 prazas, 37 serán previsiblemente ocupadas polos usuarios do centro xestionado por mensajeros de la paz
O grao de dependencia, a situción económica e as circunstancias familiares marcarán a preferencia dos usuarios no acceso ás prazas internas do centro, que conta tamén cun centro de día.
VOTACIÓN
O acordo saíu adiante cos votos a favor de PP, Foz Plataforma de Futuro (FPF) e BNG, e coa abstención do PSdeG. O imprescindible respaldo de parte da oposición agardábase desde que o pasado mes de xuño se aprobase o plan económico financieiro do centro, último punto de discrepancia entre os grupos despois de que o concello solicitase a Xunta de Galicia e asumise as competencias sobre o xeriátrico.
AXUDAS MUNICIPAIS AOS USUARIOS
FPF déralle daquela o seu apoio ao equipo de goberno –en minoría- a cambio da creación dunha partida de 200.000 euros para axudar aos usuarios a financiar as prazas na residencia. A este respecto, o rexedor Javier Castiñeira sinalou que o executivo ultima unha ordenanza que “mostrarán os próximos días ao resto dos grupos”. “As taxas necesarias nunca superarán o 75 por cento da pensión de calquera usuario”, comprometeu o alcalde.
O PSdeG AVOGOU POR ASUMIR A XESTIÓN
Os socialistas argumentaron a súa abstención na coherencia coa posición que veñen mantendo durante os últimos tres anos nos que se mostraron contrarios a que o Concello asumise a xestión da residencia. “Os usuarios dos centros do Consorcio pagan só o 80% por cento da súa pensión”, explicou o concelleiro socialista Chema Linares, quen considera que a fórmula municipal aumenta os custos para os usuarios e tamén para o propio concello.
APERTURA PREVISTA EN XANEIRO
O alcalde ratificou a previsión de que o centro comece a funcionar en xaneiro. “Agora hai que recibir as ofertas e despois montar as mesas de contratación para facer as valoracións e tratar de adxudicar xa a finais deste ano”, declarou.
A residencia, construída polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, leva case tres anos rematada e equipada.