InicioEconomíaPolémica entre PP e PSOE tras quedar A Mariña fóra das axudas...

Polémica entre PP e PSOE tras quedar A Mariña fóra das axudas ao Plan de Sostibilidade Turística

Os populares culpan a Cajoto de que a comarca non acadase case tres millóns para reactivar o turismo mentres que o presidente acusa á Xunta de "relegar" a proposta da Mancomunidade

Publicada o

- Advertisement -

O Partido Popular (PP) e o PSdeG-PSOE polemizaron este venres despois de que A Mariña quedase fora das axudas por case tres millóns para levar a cabo un Plan de Sostibilidade Turística. Os conservadores acusan de “non facer os deberes” ao presidente da Mancomunidade, o socialista Fran Cajoto, que á súa vez responsabiliza á Xunta, que “relegou á comarca ao cuarto posto dos catro proxectos mellor valorados por Turismo de Galicia“.

O alcalde de Xove, o popular Demetrio Salgueiro, voceiro popular na Mancomunidade, e mailo deputado provincial e voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, protagonizaron a ofensiva dos populares contra Cajoto con senllos comunicados, un o pasado xoves e outro o pasado venres. O rexedor xovense argumentou que o presidente da Mancomunidade “non levou a cabo as xestións adecuadas, e por iso non conseguiu o apoio do Goberno para o Plan de Sostenibilidade Turística, un recurso esencial para superar a difícil situación que atravesa a comarca”.

OS CONSERVADORES ASEGURAN QUE O RESPONSABLE DO ENTE SUPRAMUNICIPAL “NON FOI PERSEVERANTE”

Salgueiro aféalle a Cajoto que “saíu nos medios de comunicación, a toda plana nalgún caso, falando deste plan e dando por feito que se contaría coa achega correspondente o Estado, e non foi así; vese que Bugallo (en referencia ao alcalde socialista de Santiago de Compostela) si fixo os deberes, soubo moverse en Madrid e conseguiu financiamento”. Tanto a área santiaguesa como a Ribeira Sacra recibiron as aprobacións das dúas subvencións que se destinan a Galicia.

Salgueiro lembrou que o plan, aprobado por unanimidade na Mancomunidade, “tiña que servir para dinamizar o turismo na comarca e, deste xeito, ser un motor da nosa economía”.

Pola súa banda, Castiñeira criticou a “parsimonia” do presidente do organismo supramunicipal, relacionando a situación respecto das subvencións coas demisións que se produciron no goberno municipal focego para afirmar, que “non sabe xestionar ningunha das dúas entidades“.

Para Castiñeira, “o señor Cajoto non foi perseverante no seguimento desta subvención, que era importantísima”. O voceiro do PP na Deputación de Lugo defendeu á Xunta de Galicia, cuxo “compromiso era igual para todas as opcións”, dixo, engadindo que o Goberno autonómico “tiña a parte de financiamento que lle correspondería apartada para no caso de que o Estado concedera a súa parte poñer en marcha o plan”.

ASOCIACIÓNS E PARTIDOS PEDÍAN Á XUNTA SUBVENCIÓNS PARA REACTIVAR O TURISMO

O plan tiña un orzamento de tres millóns para o período 2021-2023, que se financiaría entre aa Secretaría de Estado de Turismo, que debía ofrecer entre o 40-45% do presuposto; a Xunta de Galicia, tamén entre o 40 e o 45%, mentres que á Mancomunidade lle correspondería aportar entre 10-20%.

Presentar unha candidatura para recibir estas axudas foi o máximo compromiso que adoptou o anterior conselleiro de Turismo, Román Rodríguez, despois das reiteradas peticións á Xunta de Galicia, tanto por parte das asociacións de comerciantes como dos partidos da oposición, de que financiase un plan de reconstrución da Mariña, despois dun verán marcado polo brote e o peche da comarca, que tivo unhas importantes consecuencias económicas, especialmente no mes de xullo e en Burela. Unha bisbarra que vive, sobre todo, pendente do seu principal sustento, a fábrica de aluminio.

CAJOTO EXPÓN QUE A XUNTA DEIXOU O PLAN DA BISBARRA “NO ÚLTIMO DOS CATRO POSTOS”

Cajoto, pola súa banda, censurou a Salgueiro por “asumir as ordes do partido” en lugar de “presionar en Santiago” e fala de “marxinación da comarca” por parte da Xunta. “Ao ofrecemento do Estado de cofinanciamento de dous Plans de Sostibilidade Turística, a Xunta respondeu relegando á Mariña ao cuarto posto dos catro proxectos mellor valorados por Turismo de Galicia. Unha verdadeira mágoa, porque se perde unha primeira oportunidade de recuperar o peso que debe ter unha comarca como a Mariña, que conta cun potencial e uns recursos por explotar”, argumentou.

O presidente da Mancomunidade ve a subvención perdida “como un financiamento máis que necesario despois dun mes de xullo nefasto nunha Mariña illada pola Covid-19 e cunha factoría de aluminio –coa crise social que iso conleva- en grave perigo. Unha comarca con enorme potencial e que está sendo maltratada polas Administracións. Sinto verdadeira e a absoluta decepción”, remarcou.

O SOCIALISTA DI QUE O ANTERIOR CONSELLEIRO SE COMPROMETERA AO QUE O PROXECTO “SERÍA PRIORITARIO”

Cajoto di que Rodríguez “se comprometeu coa Mariña a impulsar un Plan de Sostibilidade Turística na comarca, dotado con ata 3 millóns de euros”, e finalmente, malia “o compromiso inicial, non se considerou o noso proxecto como prioritario nesta quenda”. Deste xeito, solicitou unha “reunión urxente” co Vicepresidente da Xunta e Conselleiro de Turismo para tratar de reorientar a situación: “o que pretendemos é que se rectifique para posteriores convocatorias, que nos consta se van producir. Así, queremos ter a certeza de que o Proxecto de Sostibilidade da Mariña Lucense –por certo moi ben valorado tecnicamente- sexa o primeiro destino na listaxe galega para a próxima convocatoria”.

“Tamén lle solicitaremos ao Vicepresidente a realización de accións de promoción cos fondos que indicaron que xa tiñan consignados: temos moito traballo por diante e si é certo que esas partidas están dispoñibles por parte da Xunta de Galicia, poderemos dar un impulso ao turismo na comarca aínda que as cantidades sexan menores”, afirmou.

OTERO TACHA A SALGUEIRO DE “TÍTERE” DO PARTIDO

A secretaria provincial do PSdeG-PSOE, Patricia Otero, cualificou a Salgueiro de “títere do seu partido” saíu na defensa do presidente do colectivo supramunicipal, salientando que “a decisión sobre as subvencións ao turismo, neste proceso, non corresponden ao Goberno Central senón á Conferencia Sectorial da que forma parte a Xunta de Galicia, que por certo se comprometeu co seu aprobado”. Por iso critica que “o Goberno de Feijóo relegou unha vez máis á comarca da Mariña, antepoñendo outros proxectos, como por exemplo o da Deputación de Ourense, antes que o presentado pola Mancomunidade”, insistiu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...