EFE. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen dixo que o seu partido apoiou por “responsabilidade” a posibilidade de vender a planta de aluminio primario de Alcoa en San Cibrao, opina que ese proceso de negociación estase “dilatando”, polo que pide “unha solución inmediata” que acabe coa situación desesperada dos traballadores e que pasa por unha intervención pública” da planta.
Lembrou, tras a reunión que mantivo este martes co comité de empresa, que o compromiso era pechar as negociacións para a compra da planta por parte da SEPI antes de que terminase o mes de abril. Con todo, “a falta de dez días para que se cumpra ese prazo, non só non hai solución senón que hai moitas incertezas con respecto á negociación e á posibilidade de que acabe por chegar a bo porto”, dixo.
Nese sentido, Pontón pregúntase “quen está a liderar este proceso”, porque a “ministra de Industria, Reyes Maroto, está máis centrada en ser candidata nas eleccións en Madrid que en porse á fronte desas negociacións para buscar unha solución”.
Na súa opinión, o goberno da Xunta de Galicia tamén está “desaparecido” e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, tampouco “lidera un proxecto que ten que darlle unha alternativa de futuro” á comarca da Mariña. De feito, lembrou que Alcoa é un “motor industrial” para A Mariña, para Lugo e para Galicia, polo que non se pode “permitir, baixo ningunha circunstancia, que naufrague”.
“A venda está a dilatarse“, dixo Pontón, quen tamén recoñeceu que non ten a seguridade de que Alcoa estea agora actuando de boa fe, polo que “a incerteza non pode continuar”. Por iso, reclamou “unha intervención pública” da fábrica que garanta a produción de aluminio primario na comarca da Mariña e o mantemento dos empregos.
COMITÉ
Tamén representantes do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, que mantiveron este martes un encontro coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dentro da rolda de contactos con todos os partidos con representación no Congreso dos Deputados e no Parlamento de Galicia para esixir unha solución que garanta o futuro da fábrica de aluminio primario.
En declaracións aos medios de comunicación, despois dese encontro coa líder do BNG, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, pediu publicamente aos partidos políticos que lles esixan “aos dous gobernos”, o galego e o central, que “dunha vez por todas cumpran” o acordo parlamentario, aprobado por maioría absoluta no Parlamento de Galicia e por maioría no Congreso.
Un acordo, lembrou Zan, para realizar “unha intervención temporal pública que lle de viabilidade á fábrica de aluminio primario, neste caso a través da SEPI, para estudar a venda da factoría a un terceiro”.