O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anunciou a presentación de alegacións ante o Ministerio de Medio Ambiente ao proxecto construtivo do espigón que se proxecta na praia de Altar, que se sitúa en terreos do Concello de Barreiros pero que afecta a Foz.
Este xoves, o rexedor socialista Cajoto lamentou que se ofreza unha solución “tan dura e de grande impacto tanto visual como medio ambiental“, ademais de ter unha “gran contestación entre as asociacións de Foz, de xente que se dedica á náutica, ao mar, á ría (de Foz) e a esa praia de Altar que serve para a práctica de moitas actividades deportivas acuáticas”.
“O que fixemos foi dispoñer fondos propios do concello, sobre 2.500 euros, cos que contratamos unha enxeñería para presentar alegacións que xa presentamos o luns. Esperamos que se teñan en conta e se reconsidere, que se recapacite e se reformule o proxecto”, engadiu.
O alcalde de Foz argumentou que esas alegacións pasan “desde que os estudos que están expostos datan de 2007 co cal faltaría unha cronoloxía duns anos posteriores para analizar eses datos”, e tamén porque “se articulen solucións máis brandas ou de mellor integración coa contorna”.
Con todo, Fran Cajoto aproveitou para “valorar positivamente a boa disposición” da subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, á hora de atender as “reclamacións” e comprometerse a ter en conta as opinións sobre o proxecto dos gobernos locais de Foz e Barreiros.