InicioPolíticaPatricia Otero: "Alcoa presentou un ERE usando como excusa o prezo elevado...

Patricia Otero: “Alcoa presentou un ERE usando como excusa o prezo elevado da enerxía”

Patricia Otero é a secretaria xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo. Entende que o momento actual é complicado para a comarca, tanto pola COVID como pola "espada de Damocles" que é a situación en Alcoa. Defende que o Goberno central nunca abandonou aos traballadores e traballadoras da fábrica e que Alcoa está xogando ao can e ao gato. Estima necesario esforzarse dentro do partido para corrixir os anos de goberno tanto de Rajoy como de Feijóo.

Publicada o

- Advertisement -

-Que sensación lle transmite o traballo feito polo PSOE na comarca da Mariña?

Non podemos esquecer que dos dezaseis concellos da comarca, nove están gobernados por alcaldes e alcaldesas do PSOE e noutro estamos coaligados. Isto non nos permite obviar a importancia dos nosos alcaldes e alcaldesas mais tamén o traballo dos portavoces onde os socialistas somos oposición. Digo isto porque vimos de atravesar unha época complicada coa situación derivada da COVID-19. Esta pandemia fixo que tanto rexedores e rexedoras así como portavoces, tivesen máis peticións e deberes desde un primeiro momento. Fixérono as vinte e catro horas do día ademais de abordar outras cuestións do día a día dos concellos. Desta maneira atenderon cousas que parecen tan sinxelas como levar alimentos a persoas con mobilidade reducida ou persoas maiores, isto ao final necesita dun tempo que te pode desviar doutras tarefas que serían máis habituais dentro dun municipio.

-Tamén a COVID-19 supuxo unha crise económica para case todos os sectores da comarca.

Por iso digo que estiveron as vinte e catro horas tanto atendendo o que era a crise sanitaria como a económica. Neste punto, moitos e moitas deseñaron sistemas que permitisen amortecer a crise económica que afectou aos autónomos, PEMES e sobre todo en hostelería, un dos sectores que máis está a sufrir as consecuencias da crise ligada á COVID. Moitas veces alcaldes e alcaldesas fixeron este traballo desde as súas competencias e ás veces asumindo competencias que non eran propias. Digo isto porque houbo alcaldes e alcaldesas e mesmo o presidente da Deputación, que nos transmitiron o abandono da Xunta de Galicia cara estas entidades e isto obrigounos e obrigounas a poñerse á fronte de todas as tarefas durante o período máis duro da pandemia. A pesar de todo isto, podo dicir que os nosos concellos están agora mesmo plenamente activos e digo isto sen fixarme na cor política. Considero que a mancomunidade está moito máis activa en xeral. Por iso insisto no papel dos concellos quen foron capaces de levar adiante proxectos para paliar o efecto económico negativo despois da crise sanitaria.

Esta pandemia fixo que tanto rexedores e rexedoras así como portavoces, tivesen máis peticións e deberes

-Pode citar algún exemplo dos plans ideados desde os concellos para afrontar a crise económica post-pandemia?

Por exemplo o Plan de Sustentabilidade Turística para A Mariña que conseguimos nesta edición actual, a pesar dos atrancos que lles puxeron aos alcaldes por parte da Xunta de Galicia de catalogar este plan e poñelo entre as primeiras posicións para que o mesmo Goberno de España o concedese. Todo isto co magnífico traballo de toda a mancomunidade, do seu presidente, o alcalde de Foz, Fran Cajoto e máis co compromiso do Goberno central, finalmente conseguiuse ese Plan que é fundamental para desestacionalizar o turismo na nosa comarca. Este esforzo fíxose mentres os gobernos locais atendían outras prioridades de maneira paralela. Un exemplo foi o concello de Lourenzá, mentres atendía ao deseño do plan tamén puido afrontar a restauración do mosteiro de San Salvador. Tamén me consta o traballo entre Goberno central e Concello de Foz para un terceiro acceso á localidade. Ademais, tamén se traballa na recuperación de servizos públicos de calidade que viñamos perdendo nos últimos tempos, nomeadamente a nosa área sanitaria. Desde o PSdeG estaremos intentando recuperar esa área, pois nós xa levabamos tempo avisando dos riscos que tiña non só cambiar de nome, de área a districto, pois detrás viñan as perdas de servizos. Determinadas operacións, consultas ou estudos son derivados a Lugo. Sumado a isto, os partidos da oposición insistimos moito tamén sobre a Atención Primaria.

-Considera que se está facendo todo o necesario en relación ás infraestruturas desde o Goberno central e a Xunta de Galicia para a mellor comunicación da comarca?

Tanto o PSdeG da Mariña como os seus alcaldes e portavoces estamos reclamando a mellora de infraestruturas para estarmos ben comunicados co resto da provincia, con Galicia e o resto do Estado. Un dos temas é a A-8 cos problemas coa neboa. Agora mesmo o Goberno central está abordando esta cuestión. Ademais de poñer unha serie de balizas hai un proxecto piloto para intentar solvertar este problema coa visibilidade. Por outra parte, nós que lle pedimos ás administracións onde gobernamos que se involucren, tamén lle pedidos ao PP que non só pida cousas ao Goberno central, que nós apoiaremos cando sexan necesarias, senón que tamén lle pida á Xunta de Galicia por ter tamén numerosas competencias neste campo.

Tamén se traballa na recuperación de servizos públicos de calidade que viñamos perdendo nos últimos tempos, nomeadamente a nosa área sanitaria

-Como secretaria xeral do PSOE na provincia de Lugo e vivindo na comarca da Mariña, cal é a valoración que fai sobre a situación e repercusión do que acontece con Alcoa?

É unha espada de Damocles que levamos desde hai moito tempo. Os que vivimos aquí coñecemos moi ben esta problemática e nós sempre, PSdeG-PSOE e os alcaldes, sempre estiveron xunto cos traballadores coa defensa do mantemento dos postos de traballo. Consideramos moi importante manter estes postos porque son importantes, non só para a Mariña pois Alcoa é a empresa máis forte na provincia de Lugo. Desde o PSdeG-PSOE nunca nos afastamos do que dixemos. Cando Alcoa presentou o ERE baseándose no caro que era o prezo da enerxía, nós diciamos que iso era unha excusa da empresa con intención de deslocalizar cara onde houbese menos custes. O tempo deunos a razón, pois cando a empresa ten posibilidades de negociación rompe con elas. Nós insistimos que a presión debía ir sobre Alcoa porque sempre lle daba a volta. Por iso insisto en que tanto o Goberno central como a Xunta deben ir da man para solucionar esta cuestión. Digo isto porque vimos que a unión parou o ERE. Agora hai un acordo de traballo conxunto que pilota o Goberno central para a creación dun documento sobre Alcoa. Aínda así, non podemos volver estar en liortas para sacar rédito político, nisto debemos ir todos unidos. Non entendo algunhas declaracións do PP, nomeadamente da súa presidenta provincial de Lugo, pois parece continuar en discursos de hai dous anos. Non sei se é que non fala coa Xunta ou o goberno galego non lle pasa información. Eu teño relación aberta co Ministerio e teño a impresión que a Xunta vai por outras canles. Por iso insisto na unión das administracións cos representantes dos traballadores, quen son os que levan mantendo esta loita desde hai moito tempo.

-Entenden que o Goberno central moveu ficha, polo que me di, e cualificou de excusa por parte de Alcoa o prezo da enerxía. Cre que agora Alcoa pode xustificar a súa postura polas suba da enerxía durante os últimos meses?

O Goberno central e a ministra foron os que desbloquearon as negociacións e mesmo antes de reunirse coa dirección da empresa en Pittsburgh, reuniuse cos representantes dos traballadores e coa Xunta, para levar unha folla de ruta consensuada. Aínda así, había quen apuntaba ao desinterese do Goberno central sobre Alcoa cando a ministra e o Goberno teñen moitas máis frontes abertas. Nunca deixou aos traballadores. Desde logo que os prezos da enerxía son moi altos e o Goberno debe pór freo a estes prezos. Á parte disto, Alcoa sempre sacou o tema da enerxía e os custes da mesma en todas as reunións, mesmo cando os prezos estaban en niveis moitísimo máis baixos que agora.

Cando Alcoa presentou o ERE baseándose no  prezo da enerxía, nós diciamos que iso era unha excusa coa intención de deslocalizar cara onde houbese menos custes.

-Aínda así e logo de apareceren posibles compradores, non venderon a factoría.

Non o entendo ou non teño moi claro que Alcoa queira vender. Se hai unha empresa disposta a vender e outra disposta a comprar, non entendo por que non vende se tanto se queixa polo prezo enerxético. Este ir e vir non é bo, primeiro o ERE e logo retiralo, dicir que “os traballadores son parte imprescindible da empresa” e vemos que non é así. Alcoa só pensa en sacar rendemento como sexa. As persoas con parentes traballando alí sabemos por eles que a empresa leva anos sen investir en renovación tecnolóxica nin en maquinaria.

-De cara ao congreso federal do PSOE estanse creando candidaturas de consenso nas catro provincias galegas. Cualificaría de doado o proceso dentro do PSOE provincial de Lugo?

Neste proceso para presentación de avais para o candidato a secretario xeral, o compañeiro Pedro Sánchez, e tamén para os diferentes membros das delegacións provinciais, entendiamos desde Lugo que ninguén discutía o liderado de Sánchez. Creo que xa demostrou todo canto é capaz de facer á fronte do noso partido. Agora que gobernamos en España coas políticas de non deixar a ninguén atrás e nas circunstancias que estamos a vivir, era evidente que o candidato predilecto era Pedro Sánchez. Sobre as listas, temos doce compañeiros e compañeiras para asistir a ese congreso federal, seis homes e seis mulleres. A creación dunha lista de consenso era algo que eu presentei como secretaria xeral e falando co presidente provincial do PSOE, José Tomé, tamén presidente da Deputación de Lugo. Estaba claro que a cabeza de lista sería o presidente da Deputación e para pechar a lista xa había un acordo. Para todo isto é necesario falar con todas as partes algo co que me comprometín cando asumín a secretaría xeral da provincia de Lugo. Viñamos ademais dunha época en que os compañeiros e compañeiras falabamos máis na prensa que entre nós. Foi doado chegar a acordos porque houbo diálogo.

-Estima que o traballo de Gonzalo Caballero como secretario xeral do PSdeG é aval suficiente para repetir na secretaría xeral?

Agora mesmo estamos centrados no congreso federal, logo virá o nacional, o provincial e remataremos cos locais. En Galicia aínda non temos calendario para as primarias autonómicas e Gonzalo Caballero dixo que falaría no seu momento sobre a súa decisión. Entendo que estamos nun partido cuns procesos de primarias e chegado o momento haberá que ver quen dará o paso. Tampouco creo que desde a miña posición non debo falar, serán os compañeiros e compañeiras quen escollan quen pilotará o PSdeG durante catro anos. Caballero levará un proxecto e dará contas do feito estes anos. Á parte, vivimos un momento estraño, o PSdeG non tivo bos resultados nas autonómicas. Somos a terceira forza parlamentaria en Galicia e desde logo, os compañeiros e compañeiras terán que falar votando para elixir a quen consideren mellor secretario ou secretaria xeral. Despois desa elección todos e todas debemos remar xuntos na mesma dirección, sobre todo agora que debemos manexar os fondos europeos de resiliencia e o PSdeG ten que estar aí para soster os servizos públicos de calidade.

desde Lugo que ninguén discutía o liderado de Sánchez

-Repetirá vostede como candidata á secretaría xeral do PSdeG da provincia de Lugo?

Pois igual que outros compañeiros e compañeiras, falarei cando deba facelo. De momento temos outros procesos por diante, queda tempo e nós sobre todo, no que estamos volcados en Lugo traballando para corrixir o retroceso de anos na provicia, nomeadamente os anos de goberno de Mariano Rajoy e de Feijóo. Reclamaremos investimentos para a provincia ao Goberno central mais tamén poremos deberes á Xunta de Galicia para non esquecer vellos compromisos coa nosa provincia como son as estradas na costa e outras áreas provinciais. Cando chegue o momento das primarias para elixir a secretaría xeral de Lugo xa abordaremos temas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...