InicioPolíticaElena Candia: "pedimos un estudo sobre como aproveitar os Fondos Europeos, unha...

Elena Candia: “pedimos un estudo sobre como aproveitar os Fondos Europeos, unha oportunidade que non se pode desperdiciar”

Elena Candia é unha das políticas en alza dentro do PP galego. Presidenta provincial do partido en Lugo, cargo que asumirá de novo, agás sorpresas, o domingo 19 de setembro e parlamentaria, foi creando pouco a pouco un perfil propio entre os populares lugueses. Defende o reforzo de elementos como o FEVE, o turismo e os sectores primarios como motor económico da comarca. O que bota de menos é unidade política á hora de buscar unha solución para Alcoa.

Publicada o

- Advertisement -

-Hai tres eixos que parecen ser os piares da comarca, desenvolvemento rural, economía e crecemento e as comunicacións. Cales son as valoracións que fai sobre estes tres puntos na comarca da Mariña?

A Mariña é para min un escenario de oportunidades dentro da provincia. Sobre os tres puntos citados vive con incerteza a continuidade dunha das empresas que máis emprego de calidade xera. Esa incerteza e a preocupación que leva vinculada está afectando ás familias de quen traballa dentro de Alcoa de maneira directa e indirecta. Máis aínda, está afectando ao comercio e demais sectores económicos da Mariña que se verían moi afectados. Por outra parte, temos un sector forestal que soportou ben as consecuencias da pandemia e agora mesmo considero que ten moitas oportunidades por diante para crear valor engadido. Eu vexo este sector como unha opción importante de futuro. Debemos sumar tamén un sector primario importante coas súas diversas opcións, gandeira, agraria, sobre todo de horta, cunha moi boa calidade de produción. Tamén vemos que de ano en ano, o sector turístico de ano en ano vai en aumento. Creo que o pasado mes de agosto batéronse marcas de visitas en todos os concellos. A vantaxe do turismo na Mariña está en que non é un turismo de masificación senón de ambientes máis centrados no medio natural. Desde logo que é susceptible de ir evolucionando en calidade, mais polo de agora estamos espectantes da repercusión que poida ter o Plan de Sustentabilidade Turística do Ministerio e da Xunta de Galicia. Creo que este plan chega un ano tarde, mais debemos aproveitalo con intelixencia. Sobre as infraestruturas, penso nas carencias que aínda se deben solucionar.

-Como cales?

O grupo que represento e o proxecto que demandamos, tanto cando estabamos no goberno como cando estamos na oposición, non cambiou. Refírome tanto ao FEVE como á autovía que leva moitos anos proxectada sobre o papel, mais que sufre unha parálise inxustificada nos últimos tempos. É evidente que a A-8 foi unha oportunidade para parte da Mariña que conectou co noroeste de España, tamén os concellos por onde descorre entendemos as particularidades que ten esta vía no caso de Mondoñedo. As infraestruturas son unha materia pendente. Estes últimos días pediamos un estudo sobre como aproveitar os Fondos Europeos, unha oportunidade que non se pode desperdiciar. Penso que deberiamos estar máis unidos e ser máis ambiciosos naquelas materias refridas ás comunicacións e infraestruturas. Por exemplo, non ser só ambiciosos co tren de Viveiro a Ribadeo, senón dar un paso máis alá e comunicarnos coa capitalidade de Galicia aproveitando unha oportunidade única. Isto debe facerse ombro con ombro implicando á iniciativa privada para que os sectores máis punteiros poidan desenvolverse aproveitando os valores engadidos que temos aquí como o sector forestal, agroalimentario e turístico.

A vantaxe do turismo na Mariña está en que non é un turismo de masificación senón de ambientes máis centrados no medio natural

-Coñécense os motivos polos que non se inviste de maneira decidida sobre o FEVE?

Creo que é unha decisión política. Sempre recordo na lexislatura pasada, cando era presidente da Mancomunidade da Mariña o agora alcalde de Burela, Alfredo Llano, era rara a semana en que non había unha nota de prensa demandando ao Goberno de España a mellora nesa infraestrutura. E de súpeto, esas reivindicacións desapareceron cando muda o Goberno de España. O diñeiro é escaso e é susceptible de variar os obxectivos, estes están onde un marca as prioridades. Tamén é certa unha cousa, hoxe o FEVE está peor que hai uns anos, cando Alfredo era o presidente da Mancomunidade, que por certo, sempre apoiamos nas súas peticións. Ademais, tamén apoiariamos e pedimos un pacto polo emprego entre todas as forzas políticas da Mariña.

-Son varios puntos sobre a mesa.

Eu estou en política porque entendo que é un instrumento para dar oportunidades e mellorar a vida das persoas, facer bos diagnósticos e poñer propostas sobre a mesa. Creo que debemos centrarnos en pedir de maneira unida e cohesionada.

-Volvendo a Alcoa, desde o PP provincial de Lugo, están deseñando algún proxecto para pedirlle á empresa tomar unha decisión definitiva de vender ou non vender?

A nosa estratexia viña marcada no acordo que subscribiramos todos os grupos, a implicación da SEPI, toda vez que despois da COVID e do estado de alarma, ninguén discutía que a fabricación de aluminio era unha actividade esencial, desa maneira podería verse apoiada en propostas excepcionais. Esa era unha proposta xa consensuada tanto para a Alcoa, PSOE, Xunta e aos traballadores, mais non se deu. Aínda así, debemos seguir pedindo esa intermediación da SEPI. De momento todo parece indicar que hai compradores, pois se é así debemos garantir que non suceda o mesmo que na Coruña e en Avilés. Ademais, a venda tamén debe garantir a continuidade dos postos de traballo. Outra opción non a vexo a curto prazo.

O diñeiro é escaso e é susceptible de variar os obxectivos, estes están onde se marcan as prioridades

-Cre que é realmente o prezo da enerxía o obstáculo para a venda ou a continuidade da empresa?

A min persoalmente gústame analizar as cousas desde unha perspectiva matemática, pois custa menos de interpretar. Cando temos os prezos de enerxía actuais, é dicir, disparados en España, pregunte a quen se lle pregunte, se o valor da enerxía ten o custe que ten agora mesmo repercute no custe da produción. A produción de aluminio vai empaquetada en enerxía, pois gran parte dos custes de fabricar aluminio van no consumo de enerxía. Ese foi o problema inicial desde onde se partía, só hai que mirar a hemeroteca cando falaban da saída do estatuto para as electrointensivas, que non permitirían a saída de Alcoa, todo iso estaba claro. Logo, non sei cal foi a razón, presentaron un borrador de estatuto, ao estatuto presentaron alegacións mesmo autononomías que non gobernaba o PP, porque entendían que non daba resposta ao problema, aínda así se aprobou. Chega con facer un repaso cronolóxico do que pasa, quedaron moitas promesas e acordos incumpridos. Entón, que estratexia temos? Pois cumprir o que se nos prometeu.

-Os proxectos eólicos programados na Mariña poderían axudar a rebaixar o prezo da enerxía consumida por Alcoa?

Para min o impacto que todos eses proxectos eólicos puidesen ter na nosa comarca debe ser estudado e analizado de maneira rigorosa. Esa enerxía limpa, a priori parecía unha solución para parte dos problemas que apuntabamos. Aínda así, insisto, é necesaria unha análise máis polo miúdo, implementando estudos para o respecto aos intereses do sector pesqueiro, co que se debe consensuar a eólica mariña. A eólica terrestre tampouco se debera instalar sen ningunha condición, por iso creo que é un tema a valorar e que pode ser positivo, mais insisto, logo dunha análise e dun estudo rigoroso con todos os intereses que nos preocupan a todos e que defendemos tamén.

-Volvendo á A-8, son varias as voces que piden a unión entre esta autovía e o corredor San Cibrao-Ferrol. Cales son as perspectivas que ve sobre esta posibilidade?

A unión desas dúas infraestruturas podería vertebrar de maneira útil e necesaria a Mariña. Creo que é unha demanda que me atrevo a dicir, de todos os alcaldes e alcaldesas da comarca. Volvemos ao mesmo, coa A-8, quitando o problema do meu termo municipal, hai unha conexión que permitiu unirnos co noroeste. Sen ser enxeñeiro de camiños, un sabe que unha parte da Mariña está desconectada. Hai unha parte executada que permitiu restablecer a seguridade en concellos como Xove onde se eliminou o tráfico pesado do centro urbano, ou a infraestrutura do acceso ao porto de Burela que tamén permitiu desconxestionar o centro desa vila. Queda unha parte por facer para vertebrar a comarca, queda un tramo que é o caso de Viveiro, pero aínda así apunto como moi positivo ter investido nas comunicacións pola Gañidoira, algo moi importante para mellorar as comunicacións desde Viveiro, agora o Estado debe poñer da súa parte, algo que tamén pedía o BNG.

A produción de aluminio vai empaquetada en enerxía, pois gran parte dos custes de fabricar aluminio van no consumo de enerxía

-Outro sector é o da pesca. Son necesarios máis apoios ou está relativamente ben posicionado?

De cara ao Congreso provincial do meu partido, fíxose unha análise de provincia e o sector pesqueiro fixo as súas aportacións. Temos comunicación fluída con todos os sectores. No caso do mar, o sector demanda formación e profesionalización da man de obra. A política da UE afecta moi directamente ao sector da pesca, por iso mesmo nos posicionamos xunto ao sector para reivindicar as decisións que se deberan corrixir ou ampliar. Á parte, existen proxectos moi interesantes tanto en Celeiro e Burela cos que mantemos unha comunicación moi fluída. Non debemos esquecer que hai produtos como o bonito de Burela e a pescada de Celeiro que son embaixadores da nosa comarca. Por tanto, o sector da pesca sabe que ten o noso completo apoio nas súas cuestións.

-É necesario reforzar a atención primaria na Mariña e o Hospital da Costa?

Creo que a pesar dos intentos de politizar o proxecto de ampliación do Hospital da Costa, creo que puidemos ver unha mellora nesas infraestruturas sanitarias. Creo que é, a maiores, visualmente indiscutible. Por outra parte, tamén escoito de profesionais da sanidade que a atención primaria está sendo estudada para dar cos problemas que ten agora mesmo, sobre todo coa cobertura de prazas en zonas como o rural.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...