-Desde a súa posición ve o voto ao BNG gañando terreo ou cre que chegou a un punto de estabilización?
Durante os últimos procesos electorais estase mantendo unha tendencia en alza sobre o voto ao BNG. No caso da Mariña, durante os últimos procesos electorais puido verse un incremento de votantes. Aínda así, non se chegou á meta que nos fixamos con todo o traballo que estamos facendo dentro da comarca e tamén a nivel de país que puidera redundar en aumentar os apoios á nosa formación. Isto último permitiría chegar a niveis de tomas de decisión cuxos resultados poden beneficiar á comarca.
-O BNG optou por unha división territorial en base ás comarcas, por que non se fixo nunha provincial como outras forzas?
O BNG acredita que a división territorial en Galicia é a comarca e que as relacións sociais danse dentro dese ámbito territorial. As divisións provinciais feitas no seu momento son divisións totalmente artificiais. O feito é que as relacións sociais non se desenvolven dentro dese ámbito. Por tanto cremos que a división provincial é artificial e non reflicte a realidade social e relacional do país e ademais a comarcalización permite unha mellor implantación no territorio.
-Están de acordo coa división en tres Mariñas, Occidental, Central e Oriental?
Realmente foi unha división administrativa que socialmente non está asimilada. As divisións administrativas non deixan de ser fronteiras, entre aspas, artificiais, e que de por si, non corresponden ás interaccións sociais. Cremos que os territorios se articulan en base ás pesoas que viven dentro del, por tanto, maior proximidade, maior relación entre os territorios. Sobre a división en tres territorios na Mariña, realmente non existe na conciencia da xente.
O BNG acredita que a división territorial en Galicia é a comarca e que as relacións sociais danse dentro dese ámbito territorial
-Alcoa primeiro e agora Vestas.
O problema é que chove sobre mollado. Agora mesmo non só temos estes dous problemas, Alcoa e Vestas, senón que levamos dez anos cunha perda constante de empresas, postos de traballo, peches, ERE e deslocalizacións que van sumando durante os últimos tempos. Nunha década teriamos perdido case 1.000 postos de traballo nesta comarca que é moitísimo. O grave é que non hai un plan de emprego ou reindustrialización e así a Mariña quedou esquecida polos diferentes gobernos, pois ningún deles fixo un esforzo a nivel de emprego e industria. Iso é o que pedimos desde o BNG, un plan de emprego e industrialización específico para a comarca.
-Que interpretación fan desde o BNG sobre a intencionalidade dos peches industriais?
No caso de Vestas foron moi claros, era unha decisión de estratexia empresarial. No caso de Alcoa non dubido que é o mesmo. As empresas móvense dentro dun marco legal que lles permite realizar as estratexias que queren. Chegaron aquí, implantaron os seus centros de traballo, explotaron os recursos mentres foron útiles e cando resulta máis rendible a produción noutro lugar, vanse sen ter en conta as repercusións. Ao final non teñen apego ao territorio nin aos traballadores e traballadoras. Isto debe paliarse desde os poderes públicos para frear ou dificultar esta toma de decisións. No caso de Vestas non é normal que cando se desenvolven proxectos eólicos, precisamente unha empresa do sector paralice a súa produción. En 2009 o señor Feijóo viñera dicir que esa empresa era exemplo do que sería o seu plan eólico. Desgraciadamente xa vemos cal é o seu plan cando botou abaixo outro plan que vinculaba o desenvolvemento a proxectos desenvolvidos no territorio.
Nunha década teriamos perdido case 1.000 postos de traballo nesta comarca que é moitísimo
-Cales son as alternativas que o BNG da Mariña poría sobre a mesa?
O primeiro é poñer a comarca ao mesmo nivel que poden estar outras comarcas do país en canto infraestruturas por exemplo. Estamos esperando unha autovía que vertebre a comarca, hai infraestruturas sen uso que lle poderían dar outra perspectiva laboral como abrir o dique norte de Morás, unha posible vía de transporte marítimo. Permitir que A Mariña poida competir en igualdade de condicións e sinalo a cuestión do FEVE que é algo digno de estudo como o deixan morrer pouco a pouco. Está claro que as empresas instaladas no territorio deben ter uns condicionantes a nivel social e de emprego que a día de hoxe non se lles esixe e que é fundamental para frear decisións de peche.
Ademais de ser a primeira forza da oposición, tamén está claro que somos a alternativa ao PP e a Feijóo
-Dentro da comarca hai concellos que non cambiaron de partido gobernante case desde a Transición. É factible quitarlle alcaldías ao PP que levan ostentando desde hai décadas?
A xente creo que valora o traballo do BNG dentro dos concellos, na oposición ou no goberno. Iso demóstralle á xente que hai outra maneira de facer política desde os concellos. Xa se sacaron outras alcaldías que eran moi simbólicas do PP como foi mesmo a de Barreiros, durante as últimas eleccións municipais déuselle a volta a eses resultados habituais. Se foi posible en Barreiros é posible en calquera concello e os compañeiros e compañeiras están traballando para iso. Estamos convencidos que os veciños e as veciñas valoran o traballo feito, aínda que as cousas tarden en chegar.
No caso de Vestas foron moi claros, era unha decisión de estratexia empresarial. No caso de Alcoa non dubido que é o mesmo
–Sobre as cuestións relativas ao BNG nacional, como tomastes na Mariña as palabras de Ana Pontón de querer tomar un tempo de reflexión ante as portas dunha asemblea?
Esas palabras demostran que detrás das organizacións e dos cargos hai persoas conscientes de que as decisións tomadas en política non poden ser froito das ocorrencias. Pola contra, deben levar unha reflexión persoal e colectiva e que é o momento de facelo aínda diante dun congreso nacional. As decisións que se tomen colectivamente e por parte da portavoz nacional, sen dúbida será pensando no mellor para o país e para a xente de Galicia.
–Tamén se fala de que o BNG contempla a posibilidade, real, de chegar á Xunta de Galicia a medio prazo. Na Mariña cal é a sensación?
Ademais de ser a primeira forza da oposición, tamén está claro que somos a alternativa ao PP e a Feijóo. Sendo a alternativa poderemos acadar a Xunta e darlle unha volta ás políticas que se están facendo. Desde logo que sería beneficioso para o conxunto do país e para a comarca, porque tomar as decisións pensando no país sempre beneficia a quen vive nel.
A xente creo que valora o traballo do BNG dentro dos concellos, na oposición ou no goberno
-Dentro da comarca, polo que vive como alcaldesa e como cidadá, o nacionalismo galego ten boa prensa?
Creo que si pois o que trasladamos é honestidade, honradez, traballo e sobre todo defender a xente que vive aquí, defender o territorio con outros intereses e iso as persoas o valoran positivamente, non só nas eleccións. Creo que moitas desas persoas son conscientes que sen o BNG, Galicia e A María estarían moito máis esquecidas. Moitos avances feitos na comarca foron froito do traballo do BNG. Creo que ninguén pon en dúbida o traballo do BNG.