O BNG insiste na intervención pública de Alcoa e pide a comparecencia da ministra de Industria

"O BNG ten claro que a solución de Alcoa pasa pola intervención pública, mesmo aínda que sexa temporal", di Néstor Rego.

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso / BNG

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou novas iniciativas na Cámara Baixa tras a reunión co comité de empresa da fábrica de Alcoa e reclamou ao Goberno, entre outras cuestións, que cumpra a resolución da comisión de industria que apostaba pola intervención pública como vía para garantir a continuidade dos postos de traballo na Mariña.

Neste sentido, anunciou a presentación dunha solicitude de comparecencia para que a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, explique as actuacións do Goberno con respecto á planta de Alcoa.

A formación nacionalista insistiu en que leve a cabo a intervención pública, aínda que sexa temporal, para “salvagardar a totalidade dos postos de traballo“.

Rego trasladou o apoio do BNG aos traballadores na súa loita por “manter a actividade e salvagardar a totalidade dos postos”. Na reunión, tamén participaron o deputado do Parlamento galego Daniel Castro e a responsable comarcal do BNG na Mariña, Ana Ermida, xunto con outros representantes.

O BNG ten claro que a solución de Alcoa pasa pola intervención pública, mesmo aínda que sexa temporal”, aseverou o deputado, quen explicou que, despois, podería pasar a mans dun operador industrial cun proxecto “serio, solvente e de futuro para a planta de aluminio”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here