O PP de Burela denuncia que o edil de cultura “ausentouse de nove das 21 xuntas de goberno”. O populares instan ao alcalde, o socialista Alfredo Llano, a “poñer couto a esta burla á cidadanía”.
O grupo municipal do PP asegura que o concelleiro, José Díaz, “cobra 14.000 euros ao ano por media dedicación exclusiva. Por iso, ten a obriga de estar no consistorio catro horas diarias e de asistir ás sesións de Pleno e xunta de goberno”, afirman os conservadores.
Os populares apuntan que, “segundo as actas obrantes no portal de transparencia do Concello, ausentouse en nove das 21 convocadas, e xa en 2017, faltou a catro de 26”.
O concelleiro popular Chema González Barcia indica que “tampouco resulta doado atopalo polo consistorio de xeito regular, polo que dubidamos de que cumpra as catro horas diarias de presenza ás que está obrigado”.
“NON É ÉTICO”
González Barcia insta a Díaz “a pedir perdón á cidadanía e a devolver parte do cobrado, xa que non é ético que se deixe de asistir a sesións que son obrigatorias pola súa condición de terceiro tenente de alcalde e por cobrar media dedicación”.