O BNG realizou este venres unha reunión no Valadouro entre os deputados Xosé Luis Rivas “Mini” e Daniel Castro, xunto co Tenente alcalde de O Valadouro e Ruth Rodríguez Bermúdez e o sector do vacún de carne. A reunión busca analizar propostas e solucións diante da difícil situación que atravesa o sector agrogandeiro. Estes encontros do BNG co sector veñen desenvolvéndose por toda a comarca, desde que o 30 de marzo comenzaran reuníndose co sector leiteiro en Remourelle e continuaran ao longo da comarca durante todo o ano dos diferentes sectores do campo.
Para o BNG son precisas medidas políticas orientadas a favorece os sectores produtivos, mellores prezos para os produtos agropecuarios, en contra dos sectores especulativos. Mellorar as condicións sociais e os servizos no rural e corrixir a tendencia deste sistema económico-social que “o que quere son consumidores concentrados en grandes áreas xeográficas e comerciais destruíndo ese entramado social e económico do rural, característico deste noso País porque o consideran demasiado caro, complicado e nada moderno”.
“Se o poder político, responsable en gran medida desta situación, non ofrece medidas correctoras, decididas e creadoras de proxectos de vida baseados nas ofertas que o territorio dá e articuladoras de esperanzas colectivas, o futuro do noso rural está fanado. Daquela cómpre tomar partido polo conxunto do País e neste caso do Medio Rural onde se sitúan, polo menos físicamente na actividade primaria, a produción destes bens” manifestou o deputado Xosé Luis Rivas “Mini”.
PROPOSTAS PARA O RURAL
Os dous parlamentarios do BNG recolleron as propostas do sector e puxeron sobre a mesa todas as propostas que o BNG levou e está a levar ao Parlamento. Entre os puntos destacados figura marcar coma prioridade a creación de mesas de diálogo e negociación que reúnan os axentes que interveñen nas cadeas de produción, “para estableceren prezos que, salvados os custes de produción, aseguren ganancias que permitan un desenvolvemento económico-social dos diferentes sectores produtivos do rural”.
Planificar accións coordinadas e debidamente orzamentadas destinadas a activar zonas deprimidas, abandonadas e despoboadas que permitan o reinicio das actividades agrogandeiras que fixen poboación, reactiven a economía e xestionen territorio coa meta posta na necesaria soberanía alimentaria.
Facilitar o comercio de proximidade e a venda directa poñendo en marcha unha rede de matadoiros e Centros Comarcais de Transformación que permitan o desenvolvemento de pequenas e medianas explotacións familiares de producións tanto ecolóxicas coma integradas así coma o aproveitamento dos excedentes do autoconsumo.
Orientar todas estas medidas cara a unha única meta: a consecución de produtos de calidade, o respecto á sostenibilidade e equilibrio medio ambiental, e o peche na medida do posible dos ciclos. “Recuperar unha porcentaxe de SAU que permita camiñar cara a unha soberanía alimentaria que elimine a dependencia de insumos exóxenos”.
Priorizar plans de choque nas amplas zonas das provincias de Ourense e Lugo onde o abandono agrogandeiro e despoboación son máis acusados. Orientar e priorizar todas estas medidas ó fortalecemento e expansión do modelo de pequenas e medianas explotacións agropecuarias.