O BNG da Mariña emitiu un comunicado onde analiza a situación na industria e o emprego da comarca que “segue sendo crítica”. Inciden na ruptura de promesas realizadas rompendo acordos parlamentarios como foi o caso de Altri. Tamén demandan atención das autoridades políticas autonómicas e estatais sobre a “destrucción de emprego na comarca nos últimos dez anos acentuada co recente peche de Vestas e a incerteza sobre o futuro de Alcoa”. Todo isto, din, nunha comarca referente industrial durante moitas décadas até o 2009. Desde esa data en que o PP accedeu ao goberno da Xunta, o BNG declara que a comarca “perdeu 1.000 empregos derivados dos numerosos Ertes e peches de empresas emblemáticas da comarca”.
Acusan á Xunta de non ter políticas económicas que palíen esta situación, así como o déficit histórico de infraestruturas, tanto autonómicas como estatais. Ven necesario o investimento en vías de comunicación para a comarca para que “a sitúen en posición de igualdade con outros territorios agravan ainda mais a posibilidade de desenvolvemento da zona”.
LEVANTAR INFRAESTRUTURAS VITAIS PARA A COMARCA
Para o BNG, “despois de décadas de promesas de PSOE e PP non se pode contemplar feito nin un só tramo da A-74 Barreiros-San Cibrao, só 8 km da VAP Costa Norte San Cibrao-Ferrol, e ningunha intención de proceder ao rescate da concesión do Dique Norte para construir o porto comercial que tanto necesita A Mariña”.
Os nacionalistas reclaman a segregación de San Cibrao da autoridade portuaria Ferrol-San Cibrao que “é quen leva prácticamente todos os ingresos que xera A Mariña a través do Porto de San Cibrao”.
“A Mariña non pode permitirse seguir vendo como moitas iniciativas industriais desbotan esta comarca por non ter as infraestruturas axeitadas” manifestou o responsable comarcal do BNG Antonio Veiga, que tamén afirmou que “hai que ter en conta que ao final as decisións empresariais veñen determinadas polas circunstancias do territorio, que son as verdadeiras decisións politicas, ou cando menos, condicionantes das decisións políticas e empresariais”.
RECLAMAN AO ESTADO E Á XUNTA FALAR COA MARIÑA
O BNG considera necesario que o Goberno central e a Xunta se reúnan cos gobernos municipais e cos axentes sociais e sindicais que “baixo o lema de Futuro para A Mariña concentraron en Burela o 17 de novembro de 2021 a miles de mariñás e mariñaos na manifestación mais grande celebrada na comarca á que asistiron tamén os representantes políticos de PSOE e PP”.
Ante isto, o BNG pide que tanto a administración central como a autonómca deixe de “tirar os trastos á cabeza” e recorden as reivindicacións do manifesto “Futuro para A Mariña”. Os nacionalistas entenden que “PSOE e PP deben cumprir coa comarca dunha vez coa comarca que teñen abandonada” segundo manifestou o deputado mariñao Daniel Castro que este mércores proporá no Parlamento que a Xunta de Galicia solicite ao Delegado do Goberno en Galicia unha reunión cos gobernos municipais da Mariña e coa plataforma “Futuro para A Mariña”.