O BNG proseguíu durante o pasado domingo día 11 de setembro, coa campaña de recollida de sinaturas en apoio á ILP sobre medidas urxentes para a Atención Primaria que promoven colectivos sociais como SOS Sanidade Pública ou a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña.
Os nacionalistas explicaron nunha nota de prensa que “a sanidade pública de todo o país está a pasar por un dos peores momentos con múltiples problemas tanto na atención hospitalaria, coma na atención primaria”. Acusan da situación ás políticas sanitarias do PP “que levaron a esta situación que se fai notar dun xeito moi acusado na nosa comarca e na Pontenova, un concello de 2.200 habitantes que ao longo deste verán tiveron serios problemas no Centro de Saúde”.
O portavoz local do BNG da Pontenova, Xosé Luis Gutiérrez, participou na recollida de sinaturas e anunciou que proseguirán nos vindeiros días con esta iniciativa. “Desde A Pontenova temos que apoiar esta ILP para que chegue ao Parlamento e o PP teña que rectificar a súa política de desmantelamento da sanidade pública”, afirmou Gutiérrez.
A recollida de sinaturas seguirá o próximo xoves 15 desde as 11:00. O BNG estará tamén no mercado de Mondoñedo co mesmo propósito.