Ana Pontón cualifica de “cerimonia da confusión” a suspensión da UE para a pesca de fondo e avisa do risco para a frota galega

A líder do Bloque pregúntase que “intereses económicos” están detrás do veto de Bruxelas: “Non podemos tolerar que se siga limitando a capacidade dun sector clave, do que non podemos prescindir, tanto para a nosa economía como en aras da soberanía alimentaria”, concluíu.


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu hoxe desde A Mariña sobre a urxencia de que o Goberno do Estado solicite unha moratoria na aplicación do veto á pesca de fondo en paralelo á presentación do recurso, tendo en conta que a resolución deste pode tardar anos e deixar polo camiño a unha frota de 200 barcos e centos de postos de traballo.

A líder do BNG reiterou esta petición tras un encontro co sector no Porto de Burela e de Celeiro respectivamente, que suman un total de 65 barcos, -a maioría de palangre-, afectados pola prohibición de Bruxelas en 87 áreas do Atlántico nororiental. Pontón trasladou todo o apoio ao sector e reclamou seriedade ao Goberno do Estado en lugar de xerar confusión e incerteza, en relación ás declaracións do ministro de Pesca, quen daba por feito unha suposta rectificación parcial da Comisión Europea.

“O sector non precisa escenas de confusión, senón unha defensa clara dos seus intereses ante a Unión Europea, algo que non fixeron nin o Goberno do Estado, nin o Goberno da Xunta, porque unha normativa comunitaria non se aproba dun día para outro senón tras un proceso de anos, que fixeron todo ese tempo?”, interpelou.

Por iso, o BNG reclama “menos cerimonia da confusión e máis defensa do sector, porque aínda non sabemos cando se vai presentar o recurso, nin entendemos a negativa a solicitar unha moratoria e estamos a tres días de que entre en vigor un veto que pode deixar en terra a 200 barcos. Polo tanto, menos cerimonias da confusión, menos tentar colgarse medallas que non lle corresponden e máis traballar en defensa da pesca galega”, demandou.

Xunto coa moratoria, a formación nacionalista propón que se habiliten axudas para a frota afectada en caso de amarre, coa finalidade de salvagardar o emprego. Igualmente, que se convoque de inmediato o Consello galego de pesca, “para organizar unha resposta de unidade, unha fronte común” para frear este novo golpe ao sector.

Pontón tamén advertiu das consecuencias desta decisión en termos de soberanía alimentaria e foi moi crítica cunha Unión Europea que, no medio dunha crise de prezos, “toma unha decisión que significa destruír emprego, destruír actividade económica e retirar toneladas de peixe fresco do mercado que vai encarecer unha cesta da compra dunhas familias que xa están asfixiadas”.

A líder do Bloque pregúntase que “intereses económicos” están detrás do veto de Bruxelas: “Non podemos tolerar que se siga limitando a capacidade dun sector clave, do que non podemos prescindir, tanto para a nosa economía como en aras da soberanía alimentaria”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here