O Concello de Viveiro recibiu un “informe favorable” ao documento íntegro do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) por parte de Augas de Galicia, e está á espera do informe correspondente da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).
O concello está á espera agora dunha reunión dos portavoces municipais coa AXI e do informe definitivo por parte da axencia, pero non recibiu ningún tipo de requerimento ou información sobre toda a documentación presentada, polo que considera que é correcta.
“Unha gran nova para o Concello de Viveiro, somos conscientes da importancia que a aprobación do PXOM ten para o desenvolvemento do municipio e, neste sentido, o seu impulso sempre foi unha prioridade. Nunca se deixou de traballar; ao longo da tramitación atopáronse moitos obstáculos, pero grazas ao traballo do Concello de Viveiro, o documento final xa está listo”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
Por parte da Alcaldía, vense facendo un seguimento constante co equipo redactor sobre o punto concreto no que, en cada momento, se atopa a tramitación. Ademais, todos os concelleiros e concelleiras da Corporación son coñecedores das reunións mantidas polo Concello sobre este asunto na Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), en Santiago de Compostela.
Dende a Alcaldía tamén se veñen convocando reunións de traballo para informar aos voceiros sobre a tramitación do PXOM.