Aplauso colectivo en Burela este venres día 30 para o médico Carlos Fernández con motivo da súa xubilación

A xente e colegas de Carlos Fernández queren recoñecer así o compromiso deste médico do Centro de Saúde de Burela que desenvolveu parte da súa carreira profesional en coidados paliativos.


A entrada do Centro de Saúde de Burela, ás 14:45 deste venres 30 de decembro, será onde se concentren aquelas persoas que darán un aplauso ao doutor Carlos Fernández Fraga, médico moi recoñecido na localidade.

Carlos Fernández Fraga realizará este vindeiro venres a súa última xornada laboral antes de xubilarse. Durante estes días organizouse unha recollida de sinaturas e dedicatorias nun libro especialmente colocado no centro de saúde para que, quen o desexe, deixe a súa impresión ou sinatura para dedicarlla ao doutor Fernández Fraga.

Durante os seus anos de actividade profesional desenvolveu tarefas dentro da área de coidados paliativos, “un campo moi sensible e onde as persoas valoran moito o bo trato e a boa atención e aí ten moita xente agradecida” sinalan colegas do doutor Fernández.

Desta maneira Burela agradece a dedicación dun profesional da medicina que deixa unha importante pegada na vila e na comarca. Até o día de mañá antes das 14:45 o libro de dedicatorias estará aberto a quen queira deixar a súa impresión ou sinatura.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here