Mañá, 31 de decembro, remata a cuarta edición da moeda local de Ribadeo, a Pancha. Desta maneira, o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, lembra que “a Pancha deixará de ter valor o día 1 de xaneiro. De aí que animemos a quen teña aínda a moeda local de Ribadeo no seu Panchapeto a que aproveite para mercar esta tarde e ao longo da xornada de mañá, sábado, porque o domingo xa non terá validez”.
En total foron 200.000 Panchas as que o Concello de Ribadeo puxo en circulación, xerando un volume de negocio moi superior: “e esgotáronse xa o pasado 20 de decembro, aínda que é certo que non se consumiran todas, quedaba unha pequena porcentaxe, de aí que hoxe aproveitemos para insistir en que só quedan unhas horas para gastar as panchas nos máis de 100 negocios locais que se adheriron a esta campaña”.
Vizoso Galdo subliñou que “queda demostrado que a campaña foi un éxito e que o sistema dixital, que empregamos por segunda vez, se consolidou entre a poboación”.