Os traballos para a drenaxe da N-642 na Mariña lucense, tras a focha que se abriu á altura de Burela nesta vía que comunica con Foz, finalizarán esta semana, segundo informou o delegado do Goberno, José Miñones.
Para coñecer as causas do ocorrido, polas que foi preguntado este xoves durante un acto en Castroverde, Miñones indicou que “se están facendo agora traballos de inspección a través de cámara de toda a canalización”.
Pola súa banda, reivindicou que o Goberno se centrou “na maneira en que no menor tempo posible” se puidese “garantir” a circulación. “Creo que se fixo nun tempo aceptable, ademais sendo fin de semana”, destacou, aludindo á existencia de “mínimas retencións”.
A partir de agora, sinalou que se vai a “seguir con todo o traballo para a reconstrución da estrada sempre primando a seguridade, prioridade número un”.
A situación destas semanas “en toda Galicia foi moi difícil”, segundo advertiu a continuación o delegado do Goberno, para apuntar que lle constan “moitísimas incidencias tamén en estradas da Xunta, das deputacións e dos concellos”. Ante isto, “o importante é a seguridade”, reiterou.
A maiores, afirmou que “as partidas de conservación de estradas veñen aumentando ano tras ano” polo que “non hai un problema orzamentario” e o preciso é “actuar”.