-De onde partiu a idea de crear esta ruta a cabalo?
Esta ruta naceu en 1990. Xuntámonos uns amigos nun local e aí naceu a asociación. Puxémoslle no nome “Medela” polo monte que separa Xove de Cervo. Así xuntabámonos e faciamos rutas para acabar comendo un día nun sitio e outro día apareciamos noutro lugar diferente. A estas reunións tamén viñan persoas de concellos colindantes como Viveiro ou Cervo. Desta maneira, levabamos provisións e comiamos. Foi así como empezamos a facer as feiras. Daquela non había que ter toda a documentación que piden agora, como un NIF, estar de alta como asociación e ter uns estatutos. Cando xa estabamos rexistrados como asociación, trouxemos un espectáculo de “rejoneo” con touros. Agora mesmo somos 27 socios dentro de “Medela”.
-Desde a asociación gústalles mostrar algunha raza en particular de cabalo de cara ao público?
Non temos ningunha preferencia. Aquí vén desde autóctono como doutras razas e misturas, mesmo cando organizamos a feira o 21 de maio, o espazo está aberto para todo tipo de razas.
-Volvendo á ruta, onde empeza e onde acaba o seu percorrido?
Saímos da parroquia de Sumoas, xustamente desde o campo da igrexa, que tamén é o campo da festa. Logo queriamos baixar á praia de Portocelo, seguir a liña da costa até chegar á praia de Esteiro e desde aí volver a Sumoas. A comida celebrarase sobre as tres da tarde, aínda que a media ruta tomaremos uns pinchos. O que buscamos é facer unha ruta entre compañeiros e se temos que acortala, acortámola sen problema ningún para chegar á hora de comer. Insisto que é unha reunión de compañeiros para desfrutar e pasar un bo momento.
-Ve que haxa máis xente nova interesada en formar parte da asociación?
Hoxe por hoxe está entrando xente nova, aínda que a maior parte somos persoas xubiladas que estamos xa digo, desde 1990. Aínda así, van entrando persoas novas entre os 20 e 30 anos.
-Desde 1990 están todos os fundadores?
Desde ese ano igual quedamos seis. Algúns tristemente faleceron, outros pois retiráronse por enfermidade e hoxe en día seguimos adiante os que estamos. Sempre organizamos reunións para preparar as rutas. Primeiro unha para ver como facela, por onde vai ir e logo outra para ver como transcorreu, sempre así. Tamén debo dicir que antes da pandemia acababamos cunha cea-baile nalgún establecemento da zona.
-Como ve o futuro da asociación, pode continuar para adiante?
Penso que si, de feito hai cinco ou seis rapaces federados para campeonatos e mesmo este ano imos mellorar a feira. Queremos levantar un valado para meter os cabalos de proba para que estean sós, pechados, que ninguén os moleste. Hai xente nova que está tirando por esta asociación aínda que ao mellor debemos esperar uns anos para podelo facer desde a asociación. Non temos medo polo relevo na “Medela”. Por outra parte, isto non dá beneficio ningún, ao revés, gastamos cartos, sobre todo cando imos ás rutas. Iso é así polo que custa a comida, o gasóleo para os transportes dos cabalos, ferrar os cabalos
e outros gastos. Unha media de gasto pode andar entre os 50 ou os 75 euros.
-Cando organizan a feira en maio, levan persoas como ferreiros para mostrar ao público como se ferra un cabalo ou outro tipo de oficios relacionados co cabalo?
En cada feira as diferentes asociacións levan elementos para exposición, como levar monturas e sobre a cría de cabalo. Tamén pode haber algún posto con roupa, aínda que non teñen nada que ver, de momento eles veñen, a uns iralles ben e a outros non tanto.
-Na Mariña cantas asociacións pode haber como “A Medela”?
Temos unha en Viveiro, creo que hai outra en Bravos, outra en Cervo, Burela, na parroquia de Monte, en Xove, e logo houbo algunha que logo non se consolidou aínda que segue funcionando como grupo de afeccionados aos cabalos.
-Contan con que veña un número elevado de persoas?
Contamos con que veñan 200 persoas. O ano pasado eramos 185, mais houbera folga de transportes e os remolques non podían circular. Así pois, este ano seremos 200, cada ano imos a máis. Por outra parte, aquí vén xente de Ribadeo, Barreiros, Remourelle, Labrada, Abadín, Ortigueira, Viveiro, Celeiro e Cervo, sobre todo.