Un operario dun barco tivo que ser trasladado a un centro hospitalario tras resultar ferido este pasado luns mentres traballaba na localidade lucense de Celeiro. Tal como informou o 112 Galicia, os feitos ocorreron minutos despois das 23,00 horas, cando os servizos de emerxencias recibiron a alerta de que un operario necesitaba asistencia tras lesionarse unha perna mentres se atopaba na sala de máquinas dun barco.
Ata alí desprazáronse os profesionais de urxencias sanitarias, os Bombeiros de Viveiro, a Policía Nacional e a Local, así como os membros de Protección Civil. A pesar de que os sanitarios puideron retirar á persoa da estancia na que se atopaba, os bombeiros tiveron que facer uso dunha escaleira para sacar á persoa da embarcación e trasladala ao Hospital de Burela.