Acisa Ribadeo repartirá ata o vindeiro venres, día 24, ás 14:00 horas, os agasallos sorteados na súa campaña de San Valentín. Trátase de 11 ceas para dúas persoas e unha estancia de 2 noites para unha parella para elixir entre 1.500 destinos. Lida Álvarez, unha das afortunadas, pasou nas últimas horas polas instalacións da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, para recoller o seu agasallo: unha cea para dúas persoas no Bar Galicia.
O xerente e a presidenta de Acisa, Jesús Pérez e Carmen Cruzado fixéronlle entrega do seu premio. Os números afortunados pendentes de recoller os seus agasallos son os seguintes: 4.502, 3.619, 4.783, 1.769, 3.216, 5.992, 5.486, 4.282, 359, 3.562 e 4.720. O sorteo de San Valentín de Acisa Ribadeo tivo lugar o pasado 20 de febreiro nas súas instalacións, foi gravado en vídeo e pódese ver nas súas redes sociais.
Desde Acisa sinalan: “a todas esas persoas que fixeron as súas compras para San Valentín no comercio local pedímoslles que revisen as súas papeletas e que se teñen algún dos números premiados póñanse en contacto con Acisa para poder facer a súa entrega e que así o gocen coas súas parellas nos próximos días”. Botellas magnun Azpilicueta A hostalería asociada a Acisa Ribadeo comezou a entregar tamén estes días as 45 botellas de viño magnum Azpilicueta crianza.
O número premiado neste caso foi o 07, terminación do primeiro premio da lotería nacional do pasado sábado, día 18. Desde Acisa explican que “son os propios hostaleiros os que están a contactar cos afortunados e afortunadas para facerlles entrega do premio nos seus locais. Os premiados poderán levar a súa botella de viño a casa ou consumila, se o prefiren, no bar ou restaurante”.
Acisa agradece “a colaboración a Pernod-Ricard para poder realizar esta iniciativa, enmarcada na campaña de San Valentín 2023. Grazas tamén aos restaurantes que nos regalaron as ceas, a Viaxes Eroski que achegou a estancia de 2 noites de hotel para unha parella e á Xunta de Galicia que colaborou nesta cita e que trouxo a Ribadeo á Tuna doCamiño o pasado 10 de febreiro”.
Desde a directiva da asociación ribadense engaden: “todas as actividades que organizamos perseguen o mesmo obxectivo que non é outro que a dinamización da hostalería, do comercio e do sector servizos de Ribadeo”.