-Cales foron as orixes da Asociación Nordés e cales son os obxectivos que persegue?
Hai dez anos houbera unha xuntanza entre Emilio Grandío, Ricardo Bellas, Bernardo Penabade e Luis Real. Estaban percorrendo o Camiño dos Arrieiros e nun descanso chegaron á idea de formar unha asociación. O obxectivo da asociación era a promoción de toda aquela riqueza cultural arredor do Camiño dos Arrieiros e de todo o patrimonio arredor del.
-Que é o Camiño dos Arrieiros?
Era unha ruta moi antiga desde máis alá das Pontes de García Rodríguez até Bares e servía para o transporte de mercadorías mediante carros de bois, mulas e cabalos para intercambiar produtos do mar polos de interior.
-Agora mesmo cales son as actividades que desenvolve a Asociación Nordés?
Hai actividades fixas cada ano e outras depende das posibilidades que existan de realizalas. Entre as actividades fixas está “Alternativas do Rural”, onde vemos que posibilidades de desenvolvemento ten a zona, coñecer as persoas que veñen vivir aquí e cales son os seus proxectos de vida e explorar os recursos que aínda non se coñecen na comarca.
-Cando falas de persoas que veñen vivir á comarca refíreste a novos habitantes?
Si, a persoas procedentes de Alemaña, Gran Bretaña e doutras partes do país. Queremos coñecer os proxectos e obxectivos que traen, os problemas que poden encontrar e aqueles que quedaron saber por que.
-Cales son as iniciativas das persoas que se achegan a vivir ao lugar?
Os proxectos son múltiples, mais pensando nos actuais poboadores hai máis proxectos sobre todo para vivir ao mellor para traballar de maneira telemática e tamén hai actividades turísticas.
-Retomando as actividades a desenvolver, cales máis se levan adiante?
En agosto temos como actividade fixa “Memorias dun tempo” en relación coa recuperación da memoria histórica. Outro encontro anual son as xornadas micolóxicas con Xosé Luis Cuba. Logo existe o “Proxecto Ríos” que realizamos con colexios da zona para recoller mostras de especies e valoramos o nivel de pureza de auga do río. Examinamos a contorna coas especies que viven arredor do río. Cos rapaces da zona tamén celebramos o Día dos Océanos e a última actividade foi observar aves cos colexios na ría de Ortigueira. O ano anterior recolleron nas praias os microplásticos.
-Actualmente cantas persoas forman parte de Nordés?
Sobre as cincuenta persoas. Maioritariamente proceden de Mañón, O Vicedo e Ortigueira.