O proxecto de ampliación do hospital da Mariña, situado no municipio lugués de Burela, aumentará a superficie do centro un 70% grazas a un investimento de 30 millóns de euros para sumar outros 4.000 metros cadrados máis que dedicaranse a urxencias, radioloxía, laboratorio ou docencia.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou este venres Burela para presentar ao persoal do centro o proxecto, que permitirá ampliar ata os 28.200 metros cadrados a superficie dun hospital que en 2015 tiña 16.700.
Segundo explicou o responsable do Goberno galego, aumentará un 14% o espazo do hospital de día polivalente, un 20% o de urxencias, outro 20% o de radioloxía, unha 23% a área de anatomoía patoloxía, un 26% os laboratorios e un 40% a de cirurxía maior ambulatoria.
Ademais, o hospital disporá de tres novas aulas, unha biblioteca e un salón de actos para mellorar a capacidade formativa “con máis residentes, máis sesións clínicas, relatorios, congresos, estudos e innovación”.
García Comesaña incidiu en que esta ampliación demostra a aposta da Xunta “por reforzar os servizos fundamentais deste hospital, porque cre no seu futuro e na súa capacidade de crecemento”.
A obra suporá, ademais da creación de novos espazos, a reorganización dos que xa existen. Así, o hospital de día polivalente situarase na planta ‘cero’ en continuidade co oncohematolóxico, en funcionamento desde 2020 nesa zona.
Consultas externas de alerxias, otorrino e saúde mental situaranse en conexión coas externas de planta ‘cero’, onde tamén funcionará o laboratorio en integración coas áreas de análises clínicas, microbiología e hematología. A iso súmase a ampliación nun 40% da superficie de cirurxía maior ambulatoria, a reforma completa da UCI e a renovación total das centrais eléctricas e de climatización.