InicioM.ambiente e PatrimonioDaniel García Níñez: "Os navegantes de San Cibrao eran moi cotizados en...

Daniel García Níñez: “Os navegantes de San Cibrao eran moi cotizados en todo o Cantábrico”

Daniel García Níñez foi un dos organizadores do II Encontro de Cultura Marítima da Mariña de Lugo, no Museo do Mar de San Cibrao (Cervo). Neste encontro abordouse a necesidade de preservar o patrimonio marítimo da comarca e da posible recuperación dalgún dos tipos de embarcacións que antano navegaron polas nosas costas. Toda unha cultura de entender o mar que moitos e moitas cren que debe preservarse.

Publicada o

- Advertisement -

-Como xorde este encontro sobre Cultura Marítima da Mariña de Lugo?

Nace dunhas xornadas que se levaban facendo antes da pandemia en Viveiro que eran o Vivemar. Contactei con eles para ver de dinamizar a recuperación das embarcacións tradicionais na Mariña. A raíz diso, no último Vivemar, celebrado en 2022, incluímos o tema das embarcacións tradicionais. A partir de aí, fixemos unha pequena palestra con Uxío Allo, da Escola de Navegación Tradicional “Dorna” da Illa de Arousa. Así foi como nos fomos metendo en materia relacionada con embarcacións tradicionais e cultura marítima. Depois houbo xente que pediu un segundo encontro onde avanzar un pouco máis. Isto implicaba buscar que temas tratar, traer xente relacionada coa cultura mariñeira e interesados. Así foi como organizamos o segundo encontro o 18 de marzo, xa con temas máis concretos e con persoas de toda Galicia que servisen como referente.

-Na Mariña existía ou existe algún tipo de embarcación que non se encontrase noutros lugares de Galicia?

Temos por exemplo, o bote de Ribadeo que aínda sendo semellante aos demais botes de Galicia, tamén teñen diferenzas entre eles. Esa sería a tipoloxía que máis destaca agora na Mariña. Despois temos os botes tipo traiñeiras ou o traiñón, que era un dos botes máis numerosos da comarca tanto en Viveiro, Celeiro ou Foz e sería bo recuperar este tipo de embarcación dentro dun tempo.

-O traiñón era único e exclusivo da Mariña?

Non, estaba estendido por toda a costa galega. Usábase sobre todo na pesca da sardiña, por iso tiña moita presenza, mais era en todo o litoral de Galicia.

-A día de hoxe son poucos os carpinteiros de ribeira que quedan, un caso é Paco Fra en San Cibrao. Cales son as experiencias que van transmitindo persoas coma el en relación coa cultura mariñeira?

No caso de Paco Fra debe ser a quinta ou sexta xeración dedicada á carpintería de ribeira. Por iso ten moita información sobre a cabotaxe na Mariña e a construción de embarcacións de madeira. A cabotaxe era unha das actividades marítimas principais porque era a única vía de comunicación para as antigas fundicións de Sargadelos co resto do mundo. Era moi habitual ver goletas ou bergantíns no porto de San Cibrao facendo tarefas do que serían agora os mercantes. Estas embarcacións conectaban con todo o Cantábrico e o sur de España. Por iso digo que Fra conserva esa parte de tradición coa súa historia.

-Consérvase documentación sobre ese tráfico marítimo en San Cibrao?

Si, consérvase documentación das características, actas de construción e moita outra documentación, sobre todo na carpintaría de Paco Fra, ademais, parte dela foina buscando en arquivos. Entón, el ten información de quen eran os armadores e como se dividía o barco entre eles. Unha diferenza entre Galicia e o resto do Estado é que nós non conservamos estas embarcacións de gran porte. Por exemplo, hai uns meses despedazouse un pailebote nas Canarias. Ese pailebote construiuse no Freixo, estivo unha tempada en Barcelona, logo foi para O Grove, alí tampouco o daban mantido e tiveron que vendelo. É dicir, nós non conservamos nada do noso patrimonio de cabotaxe, mais noutras partes do Estado si. No caso do pailebote ‘Nieves’ houbo que despedazalo por falta de apoios.

-Gustaríavos construír unha réplica dalgún destes barcos?

Si, o máis factible nun futuro sería construír un traiñón. No seu momento a Asociación Mar de San Ciprián intentou facer unha réplica, antes diso tentou facer outra do ‘Paca Gómez’, outro barco de cabotaxe, mais tampouco foi viable. Ao final son barcos moi grandes que precisan investimento. No caso do traiñón, que ten aproximadamente dez metros, necesita xente, habería que formar unha base social antes importante para mantelo, sobre todo.

-Estades levando adiante traballo de campo recollendo de viva voz tradicións orais sobre o mar, as artes mariñeiras e toda o que se desenvolvía arredor deste mundo?

Si, esa é unha das liñas que queremos botar a andar. Aínda que nun primeiro momento non poidamos contar con profesionais dedicados á catalogación e recollida, si temos algún colaborador que nos pode dar unhas pistas de como facelo e que sexa máis doado. Este é un traballo que teñen feito tanto Paco Fra como Moncho Rivas da Asociación Mar de San Ciprián. Eles son os que recollen testemuños de persoas de San Cibrao que chegaron a ser relevantes na costa cantábrica pola súa pericia para meter barcos a vela, sen motor, nunha ría como a de Avilés desde onde viñan buscalos, é dicir, os navegantes de San Cibrao eran moi cotizados en todo o Cantábrico.

-O ano que vén tamén se celebrará este encontro no Museo do Mar?

Traballamos na posibilidade de que en dous ou tres meses sexa posible ter unha de mesa de traballo. Tivemos un encontro en outubro de 2022, o último o día 18 de marzo deste ano e gustaríanos ter outro máis para marcar obxectivos, liñas de traballo e seguir avanzando. Todo dependerá do que poidamos realizar, pois por unha parte está o catálogo, as embarcacións tradicionais e en definitiva, está todo moi aberto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...