InicioCentralBurelaCarmela López: "O máis atractivo do Día do Xubilado é a cea...

Carmela López: “O máis atractivo do Día do Xubilado é a cea baile, cando se encontran persoas que levan tempo sen verse”

O Día do Xubilado en Burela celebrarase o vindeiro 23 de abril. Carmela López, concelleira deledegada de Servizos Sociais e de Mar, descríbenos como será ese día e cales son as peculiaridades que ofrece para participar nel. O máis esperado seguramente é o sorteo que normalmente é unha viaxe, mais o realmente interesante é poder xuntar ás persoas xubiladas para teren un día especial para eles e elas.

Publicada o

- Advertisement -

-Cóntanos que vén sendo o Día do Xubilado e cal é a súa finalidade.

É un acto que vén celebrándose desde hai xa anos. Consiste nunha recepción na Casa da Cultura, este ano será ás 12:30. A actuación aínda está por pechar, mais probablemente sexan ‘Os Acordeonistas da Mariña’, mais insisto, está por pechar. Despois subimos ás persoas participantes en autobús até os pavillóns dos institutos onde haberá unha comida baile. Ademais disto, todos os anos hai un sorteo e algunha sorpresa para eles.

-En que consiste o sorteo?

O máis apreciado é sortearmos unha viaxe, así pois, continuaremos coa tradición. Isto faise mediante o reparto duns números e logo, durante o postre, sorteamos a viaxe.

-Esta é a XXII Edición. Logo deste tempo que cambios puideches apreciar?

Este é o meu primeiro ano á fronte desta data e tamén durante a pandemia estivo pechada. Con todo, é un evento que agradecen moito facelo. Para eles o máis atractivo é o momento comida e baile, ese momento onde é posible encontrarse con persoas que levan tempo sen ver, iso é importante para eles.

-As persoas participantes deben ser pensionistas da Seguridade Social de entre 60 e 65 anos. Poden asistir persoas doutras localidades?

Non, porque a primeira premisa é a de estaren empadroados en Burela. É certo que en ocasións hai parellas que non son do concello, nese caso pagan a comida.

-Hai outras actividades antes da propia comida?

Non, non hai. Os pasos foron sempe recepción, comida e baile. Gostamos de ir directos sempre á parte lúdica.

-Supoño que boa parte das persoas asistentes son xentes retiradas do mar.

Realmente non, hai persoas procedentes de todos os sectores.

-Algunha vez ten xurdido a idea de prolongar esta celebración, por exemplo, durante unha fin de semana?

Non nos pediron tal cousa, si piden que non se perda esta tradición. Despois da pandemia tiñan moitas ganas de recuperalo, insistiron moito en que non o perdamos e seguir celebrando este día cada ano.

-Este tipo de celebracións credes que axudan a estreitar os lazos de comunidade?

Creo que si. Á parte, como en Burela hai entidades como ‘Xuntanza’ que realizan este tipo de eventos, ou nós, desde o Concello coas escolas municipais deportivas onde agora mesmo xa temos tres grupos dinamizados e unidos, ou as amas de casa que ten a súa función importante, con todo iso ao final unes por un día varios movementos que viven na nosa vila.

-Participan tamén as comunidades inmigrantes?

Si, na mesma proporción en que forman parte de Burela, un 10% da nosa poboación é inmigrante. Si que buscamos a participación de toda a poboación nas diferentes actividades.

-Falabas de actuacións por parte de músicos, mais contades con que algún ou algunha espontánea?

Estariamos encantados porque alí vai haber micrófono, amplificador e animamos a quen queira axudar a dinamizar a festa, sempre é divertido.

-Esta idea do Día do Xubilado en Burela estendeuse por outros concellos?

Estiven lendo que hai municipios con celebracións como a nosa desde hai moitos máis anos que nós. Estou segura que se fai e moitas partes pois é unha xornada moi agradecida polos nosos maiores.

-Consideras estas actividades como parte do “envellecemento activo”?

Si, totalmente. Oxalá teñamos máis actividades de cara a este “envellecemento activo” pois son actividades moi agradecidas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...