InicioOpiniónA difusión turística da Mariña Lucense

A difusión turística da Mariña Lucense

Publicada o

- Advertisement -

Boris Vilar, guía turístico

Nos últimos anos atendemos ao fenómeno dun rápido incremento da popularidade de enclaves como As Catedrais, O Fuciño do Porco ou O Banco de Loiba; cun abraiante efecto chamada tras unha ínfima aparición en redes sociais e o conseguinte interese por parte de pequenos espazos televisivos e outros medios de comunicación. No aspecto positivo podemos extraer a capacidade de atracción da Mariña; pero pola outra banda hai que lamentar que nunha elevada porcentaxe estes escenarios só sexan vistos como fondo para a foto, e cada ano que pasa sufran maiores masificacións que rematan por desvirtualos. Se cadra é preciso que alguén lles diga que con certa planificación, aínda a día de hoxe, podes visitar a Praia das Catedrais nas mareas de maior amplitude e atopar o areal practicamente baleiro. Nas frías e despexadas mañás entre os meses de novembro e febreiro a atmosfera tornase máxica, co sol baixo filtrando os seus raios entre os maxestosos arcos, podendo percibir á perfección o eterno fluxo da enerxía que preside e contaxia o lugar. Ao meu parecer, transmitir isto forma parte da labor comunicativa, anque non in situ, senón que ha de ser anterior e chegar aos potenciais visitantes en orixe para que nos escollan como destino fora da tempada alta. Non cuestiono que a vontade das accións dos distintos departamentos sexa boa; senón que se cadra, hai que concentrar esforzos nesta tarefa antes de acometer outras. Ao meu entender, en termos de capacidade, son as institucións as que teñen os medios precisos para abordar campañas de publicidade competitivas na actualidade.

Cada día que pasa, síntome máis reafirmado na idea de que A Mariña Lucense é un lugar de atractivos únicos, con algo que a fai especial e distinta a calquera outro sitio. Se preguntaramos directamente, moitos dirían que pola súa natureza, outros que pola súa historia; unha boa parte porque se come moi ben e algúns polo carácter da súa xente. O certo é que a Mariña ten todo isto e moito máis. Despois de ter que escoitar reiteradamente os dogmas de que o sector primario é moi escravo, que só do turismo non se pode vivir, e que o sector industrial na zona é pan para hoxe e fame para mañá; asemella que A Mariña rematará converténdose nun ermo no que estar de vacacións ao sumo 3 meses ao ano porque se pode durmir con mantiña no verán e porque é un destino ben tranquilo e barato. Aquí é onde entra en xogo outro tipo de comunicación, unha comunicación de base que parte da existencia dun bo número de programas que dan oportunidade a locais e visitantes de gozar da Mariña Lucense. Os que nos adicamos a isto sabemos ben do valor da participación das persoas nativas nas actividades, o que supón unha forma orgánica de nutrirnos como profesionais. Dalgunha forma, teño a impresión de que somos en certo grado testemuñas da tradición oral dos nosos tempos. Como aquelas lendas, ditos, contos e cantigas que parecen saídas do máis puro maxín; pero gardan un fondo de realidade que nos fala do noso pasado; e postúlanse como resposta cando nos preguntamos quen somos. Pola forma na que levo a cabo o meu traballo, que implica longas tempadas de estudo para ampliar coñecementos e poder transmitilos, sinto que vou abrindo novas ventás que forman as distintas partes dunha fermosa vista panorámica que encaixan a perfección, formando un todo; en moitos casos resposta a complexas preguntas como de onde vimos. Tamén me serve para entender mellor cales poden ser os verdadeiros problemas do lugar, tal como foi historicamente unha diáspora, que aínda a día de hoxe se fai patente por distintos motivos na perda de poboación nova, tendo que presenciar como moitos dos que chegaban de fora eran capaces de establecer lucrativos negocios. Se cadra é sombra deste pasado e presente a costume que temos de queixarnos polo que se perdeu, anque por desgraza en moitos dos casos, pouco facemos por protexelo antes de que isto pase. Implicarse en coñecer todo o que este territorio ten, é o mellor xeito de valoralo no seu conxunto, adquirindo no plano intelectual os argumentos precisos para vencer á ignorancia e a intereses individuais.

Dicimos os de aquí, que chove moito menos do que chovía, feito que ademais é contrastable; e que a fama de antano, nos fai perder na actualidade moitos visitantes ao longo do ano. Anque se miramos os datos de Santiago nos últimos tempos, encabeza as táboas de pluviosidade en Galicia; sendo moitos os que din que ata ten máis encanto deste xeito, cun aire bohemio e rúas menos ateigadas.

A xeito de reflexión, e seguindo co problema da percepción, moitos de nós vimos o filme de “As Bestas” dirixido por Sorogoyen que a comezos deste ano arrasou na entrega dos Premios Goya, o que non sei e se tantos lembrarán o discurso do director, no que se acorda de destacar a importancia dos équidos da provincia de Pontevedra; pero ninguén debeu avísalo de que tamén están presentes noutros puntos de Galicia como a Mariña Lucense. Seguro que foi puro descoñecemento, e esa é a mágoa, que perdemos oportunidades de peso por non saber facer chegar historias que suxiran e marcos de valor incomparable ao gran público.

Agora comezamos a difundir o evidente, que se a paisaxe é verde é porque chove. Se cadra hai que darlle unha volta… Cantos foron testemuñas de como a brétema inunda as nosas rías dende miradoiros como Muronovo, A Frouseira ou O Penedo? Cantos viron esvaecerse e resurxir no fumazo a Illa de Sarón, a Coelleira e os Farallóns? Cantos avistaron as bestas outear entre os toxos, os piñeiros e as xestas? Cantos miraron cara arriba buscando o comezo da Xestosa, do Escouridal e do Pozo da Ferida e presenciaron como a auga do ceo e da terra se daban a man nas alturas? Para aqueles que aínda non tiveran esta sorte, gustaríame poñer en valor a oportunidade que supón a presenza de profesionais que desenvolven programas ao longo do ano cunha ampla oferta, entre a que se atopan rutas de sendeirismo, xeorutas, rutas de artesanía, paseos pola natureza, visitas ao patrimonio histórico, etc. Conformando unha proposta que busca ampliar ano a ano a tempada turística e a oferta activa, tanto para visitantes como para a poboación local. Disto beneficiámonos todos: traballadores do mar, produtores agro-gandeiros, comerciantes, artesáns e hostaleiros por poñer algún exemplo. Dende o meu punto de vista, e como dicía con anterioridade, son as institucións as que teñen capacidade de facer viables economicamente todos estes negocios mantendo un fluxo constante de visitantes e unha poboación local ocupada, sen depender sempre nos sectores produtivos dos que chegan de fora; aos que na maioría de casos tanto lles ten, que A Mariña lle vaia mal ou ben; e que tanto lles dá que as novas xeracións teñan que buscar un novo fogar. Convido a todos a apoiar os distintos programas e oferta activa participando na mesma e solicito un esforzo maior por parte dos organismos públicos para mellorar a promoción do incomparable destino que é a Mariña Lucense; deixando a un lado os individualismos e avogando por un ben común.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...