InicioEn ProfundiadeManuel Parga: "O FSM nace como resposta á ola reaccionaria que vivimos...

Manuel Parga: “O FSM nace como resposta á ola reaccionaria que vivimos nestes momentos”

Manuel Parga é membro do Foro Social da Mariña, unha nova asociación comarcal que pretende levar unha mensaxe de prevención á cidaddanía fronte ao que ven como movementos reaccionarios e o perigo que sofren os servizos públicos. Buscarán a participación máis ampla posible desde a sociedade mariñá, ademais de buscar a interacción con outros movementos e asociacións de similares ideas.

Publicada o

- Advertisement -

-Cales son os motivos polos que nace o Foro Social da Mariña e que espazos quere cubrir na comarca?

O por que é a preocupante ola reaccionaria que estamos vivindo tanto en Galicia, no Estado, a nivel europeo e mundial. Esta ola está poñendo en cuestións dereitos xa asumidos pola maioría, que creiamos xa consolidados como son o dereito á igualdade, dereito á saúde, a unha vivenda digna e todo isto, como digo, estase a poñer en cuestión por movementos reaccionarios de extrema dereita e por un neoliberalismo cada vez máis abafante e canto á perda de dereitos. Todos estes aspectos agora cuestionados, non estaban suficientemente asegurados porque o avance das ideas reaccionarias con esta batalla cultural iniciada pola extrema dereita, que avanta en moitos ámbitos, non estaría avanzando como o está a facer. Debemos responder a esta ola reaccionaria desde todos os ámbitos e a sociedade debe ser partícipe desta acción. Por iso, desde o Foro Social da Mariña (FSM) queremos colaborar desde ese ámbito, así queremos mostrar á sociedade a posibilidade de perdermos moitos dereitos. Por exemplo, a privatización de servizos públicos van ir sempre en detrimento da maioría.

-Cales son os primeiros pasos que vos gustaría dar desde o FSM para facer fronte a esta onda reaccionaria?

Realmente levamos pouco tempo. A asociación naceu en novembro e rexistrouse na Xunta en decembro do ano pasado. Houbo moitos pasos para chegar até aquí mais queremos unha organización horizontal, que as decisións se tomen de maneira consensuada e pretendemos iniciar unha serie de actuacións en diferentes ámbitos. Así, actuaremos nas Redes Sociais, en accións máis tradicionais como mesas redondas e entrar en contacto con outros organismos en defensa da sanidade, enerxía máis acaída aos tempos. Por tanto, dar visibilidade e establecer un foro de debate e participativo desde un punto de vista plural e tendo como horizonte os nosos principios básicos: igualdade de xénero, pacifismo, memoria histórica, ecoloxismo, antirracismo e a defensa do multiculturalismo. Así, o pasado xoves realizamos unha actividade onde puxemos en cuestión os servizos sociais, se son un dereito ou un negocio. En xullo tamén queremos levar adiante outras dúas actividades. O feito de que estean dentro da campaña electoral cremos que a sociedade debe estar presente nos debates e non só os partidos. Queremos mostrar canto nos xogamos nestas eleccións e por iso organizaremos dúas mesas redondas máis en relación cos servizos públicos e cos movementos sociais.

-Dentro da comarca da Mariña como vedes a perda dos dereitos que se tiñan asumidos por parte da sociedade?

Na comarca temos unha plataforma en defensa da sanidade pública que xa leva anos loitando. A Mariña perdeu, por exemplo, o feito de ser área sanitaria de referencia. As decisións en cuestións sanitarias para a comarca estanse tomando desde Lugo e non desde a Mariña que é desde onde se deberan tomar até os cambios realizados pola Xunta. Moitas persoas teñen que ir a Lugo para consultas especializadas. O Hospital da Costa ampliouse fisicamente mais non en número de camas e de consultas. Sobre os servizos sociais cada vez están máis privatizados e os servizos públicos son moi reducidos. A Xunta financia moitos servizos privados, sobre todo grandísimas residencias onde os nosos maiores son usados como un ben de mercado e non como persoas. Dentro do tema enerxético hai unha gran preocupación pola eólica mariña, nós queremos poñela en debate. Hai moitos aspectos que se poden perder, moita xente está contaminada polos medios de comunicación meténdolle medo á xente sobre os inmigrantes, con bulos e mentiras en relación á violencia, “roubo de traballo”, violencia e fakenews que lle interesa esparexer á ultradereita. Non fan así coas cuestións que interesan ás maiorías sociais como son unha boa sanidade, un bo ensino público e uns bos servizos públicos para toda a poboación.

-Estase deixando sentir a ultradereita na Mariña?

No ámbito electoral non. Mais o que son as políticas, as perdas de dereitos e o que son as ideas da extrema dereita, entendemos que a dereita tradicional, xa leva tempo asumindo ese ideario. Temos a campaña da Xunta sobre os dereitos da muller que foi vergoñenta e contestada desde o movemento feminista. Aínda así, temos escasísima presenza en concellos da comarca dentro do ámbito institucional, mais si hai presenza no ámbito das ideas.

-Que primeiros resultados vos gustaría ver do voso traballo desde o FSM?

Aumentar a conciencia social de defendermos o que é noso, o que realmente interesa á maioría. Buscamos crear a conciencia crítica e cívica dentro da xente e por iso nos embarcamos nesta defensa dos dereitos públicos e dos dereitos humanos. Iso materializarase segundo nos poidamos achegar á sociedade, achegar moita xente ao Foro, achegar as actividades que planificamos e planificaremos no futuro, para poder incidir nesta realidade social.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...