InicioSen categoríaJosé Luis Cardero: "Hai moitos santos sacados en procesión dos que non...

José Luis Cardero: “Hai moitos santos sacados en procesión dos que non se ten coñecemento da súa orixe”

O antropólogo José Luis Cardero dará unha conferencia en Barreiros o día 7 de xullo. Baixo o título de “Os Ollos da Deusa Primeira”, falará dos signos e representacións de antigas relixións que aínda sobreviven, moitos como rituais ligados ao cristianismo mais con raíces non crisitanas. José Luis Cardero é antropólogo, estudoso e investigador das relixións.

Publicada o

- Advertisement -

José Luis Cardero, conferencia “Os Ollos da Deusa Primeira” en Barreiros, 7 xullo, organiza Mariña Patrimonio

-Por que elixiu o tema das pegadas que deixaron as antigas relixións na cultura actual?

Son doutor en Ciencias das Relixións e por iso o meu traballo relaciónase coas pegadas que deixan as relixións sobre as diferentes culturas populares e os diferentes grupos culturais. O meu interese céntrase sobre todo na constancia a través do tempo de certos comportamentos e estruturas culturais permanentes no tempo. Se puidesemos ver unha manifestación de relixións máis antigas que a nosa poderiamos ver unha estrutura xeral permanente no tempo. Por iso estudo a formación destas relixións e como recollen certos elementos doutras culturas. No caso da nosa cultura está o simbolismo megalítico. Falo de petroglifos, as espirais e as figuras onduladas. Resulta que todas esta figuras, segundo

investigadores como Marija Guimbutas, hai unha serie de trazos que se manteñen durante o tempo coma unha serie de signos cunha atribución sobrenatural. Todo isto é o camiño que me gustaría seguir.

-Algúns dos ritos das antigas relixións puideron acabar chegando aos nosos días como o que denominamos “supersticións”?

Aos antropólogos non nos gusta falar de supersticións porque sempre a maioría percíbeas como algo pexorativo. Mais algúns ritos ou elementos como por exemplo as Herbas de San Xoán, son restos de crenzas moi antigas. Isto non é que o digan os antropólogos, pois se observamos relixións antigas como a grega, a romana ou a exipcia, hai moitos ritos que aparecen nestas tradicións. Hai algo que me gustaría deixar claro, o cerebro dos seres humanos actuais non é tan diferente daquel dos nosos antepasados hai 15 ou 10.000 anos, por tanto é un órgano que pode permanecer estable durante milenios e toda creación cultural é unha creación cerebral. Estas creacións culturais aparecen en lugares moi separados uns doutros. Non hai dúbida de que a elaboración dos cultos relixiosos é unha manifestación diante dos fenómenos da natureza, como as estrelas, o sol ou a lúa. Todo isto consérvase en moitas mitoloxías e relixións, desde a grega até a céltica e a conservación destes elementos é algo moi importante dentro das características dos seres humanos.

-Existen ritos en Galicia que, aínda sendo asimilados polo cristianismo, poidan ter equivalentes noutros lugares e relixións?

Si, si que hai, mais debemos ter en conta a importante influencia do cristianismo sobre todas as relixións que había na antiga Gallaecia, mesmo na Penísula Ibérica. Na Bretaña por exemplo, estudei un santo na localidade de Kemper que se chama San They, primeiro era un home, logo transformouse en muller, logo volveu ser home e se buscas a imaxe non a ves. Porén, hai unha capela dedicada ao santo mais non está alí. É algo semellante á conservación dos trazos nas representacións da Virxe que temos nós no cristianismo. A representación da Virxe co neno nos brazos é unha imaxe moi semellante á figura da deuxa Isis co seu fillo Orus nos brazos. Todos estes elementos vanse transmitindo de xeración en xeración durante moitos séculos, mais aparecen. Así pois, como dicía San Pablo de Tarso, o cristianismo asimilou o que dicían os outros mais traendo todo “cara ao noso terreo”. Unha tradición exipcia era que o deus Orus foi despedazado polo deus maligno Set e a súa nai ten que ir recollendo os membros do corpo do seu fillo para poder telo con ela. Isto é algo moi semellante ao martirio de Xesús e logo a súa nai o vai buscar. Hai santos que saen en procesión en Galicia mais non hai confirmación da súa existencia.

-A conferencia que vai dar en Barreiros ten o título de “Os Ollos da Deusa Primeira”. Que significado ten este título?

A min chamoume sempre a atención a abundancia de petroglifos en Galicia e as súas formas, son círculos, círculos concéntricos, espirais ou círculos sobrepostos. Estas representacións existen noutros lugares e son denominados “Ollos da Terra Nai”. Hai unha entidade divina que estivo vixente durante milenios que foi a Nai Terra, unha especie de entidade á que non se podía acceder, era un ser ingobernable, mataba de maneira terrible mais tamén daba a vida. A medida que os seres humanos foron formando pobos e sociedades, a entidade foi coñecida como a Deusa Nai. É por iso que os seus ollos moitas veces son representados en petroglifos, figuriñas e monumentos megalíticos esparexidos por toda Europa. Por todo iso o título de “Os Ollos da Deusa Primeira” e que é unha das representacións que poden ter estas figuras circulares.

-É casualidade que a palestra se organice en Santo Estevo do Ermo, Barreiros?

Realmente non, pois en todas partes encontras este tipo de signos, como a lenda da vella que leva pedras no lombo, capaz de matar coa mirada. Algo parecido ao acontecido coa Medusa, muller castigada pola deusa Athenea e que castigaba paralizando coa mirada. Todos estes trazos podes velos en moitos lugares e tradicións. Por iso case considero unha necesidade falar destes temas en calquera punto de Galicia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...