A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela estreou este sábado en Santiago de Compostela unha nova acción promocional que combina a gastronomía co humor.
O humorista Pepo Suevos e o chef Pablo Vila protagonizaron esta primeira sesión de “Monólogos de Mercado”, que se celebrou no Mercado de Abastos de Santiago nun acto aberto ao público.
Pepo Suevos fixo “apoloxía” do consumo de “Peixe de Burela” con moita retranca.
Pola súa banda, o chef socio da Asociación de Cociñeiros de Lugo realizou un showcooking no que cociñou en directo as receitas: “Salpicón de Merluza D& Burela, polbo e crema de tomate asado” e “Merluza D& Burela, chícharos e allada”, que puido degustar o numeroso público asistente.
Esta acción inclúese no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela e están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e FEMPA.