A presentación da novena edición da carreira 1/2 km Vertical Monte Comado foi realizada polos membros da Asociación Praias de Comado xunto con Daniel Gacía, concelleiro de dinamización e deputado provincial e Manuel Otero, delegado provincial de deportes da Xunta de Galicia.
Esta carreira, organizada conxuntamente por dita asociación máis o Concello de Barreiros está incluída no circuito +kmBarreiros, promovido polo Concello para promocionar todas as carreiras que se realizan no termo municipal, sendo esta a súa terceira proba da presente edición. A cita do vindeiro 22 de xullo, ademáis da Carreira 1/2 km vertical, contará con carreiras infantís e unha andaina.
A saída da carreira vertical será ás 11h dende a praia de Arealonga, tendo a meta situada no cumio de Monte Comado. En pouco máis de 3,5 kms os participantes gañarán unha altura de case 500m. positivos, o que a convirte nunha proba especial e moi diferente ás tradicionais da zona. A andaina terá saída na mesma praia ás 10h e, cun percorrido de case 10 kms, subirá pola ladeira do monte Comado para finalmente regresar á zona de saída. As carreiras infantís serán no propio cumio de monte Comado a partir das 10.30h
O prazo de inscrición finaliza este mércores, podendo realizarse -ou recibir máis información- na páxina web do circuíto https://maiskmsbarreiros.gal/ e na da propia da carreira, https://mediokmverticalmontecomado.jimdofree.com/
Nesta ocasión, debido á coincidencia do evento deportivo coas festas do Carme que se celebran na mesma praia de Arealonga, desde a organización da proba e a comisión de festas do Carme, de San Miguel de Reinante, ofrecen unha invitación aos participantes na carreira vertical e na andaina, para participar na sardiñada organizada por estes últimos con motivo das Festas do Carme.
Outro dos grandes alicientes son as espectaculares vistas das que se pode desfrutar dende gran parte do percorrido, especialmente na zona de meta ao igual que o gran ambiente que se vive na zona de chegada.