-Como entraches no mundo da música techno, cales foron os intereses que te moveron para facelo?
Todo comezou cando tiña catorce anos, á parte, o meu círculo familiar sempre estivo moi ligado á música. Entre os dez e os catorce comecei a argallar e a pinchar na casa, máis tarde fun facer uns cursos a Madrid. Xusto cando volvín organicei o primeiro evento xunto co Concello de Viveiro en agosto de 2001. Esa foi a miña primeira actuación na Praza Maior. A partir de aí funme abrindo pouco a pouco a este mundo, con dezaoito tiña o meu primeiro club. A partir de aí comecei a ter datas e concertos por Galicia, despois viñeron os concertos nacionais e internacionais.
-No teu local pinchabas creacións túas?
Non, pinchaba discos de importación que chegaban de tendas de discos de Europa, pois investigaba moito por Internet. Como produtor e a facer música eu mesmo comecei en 2012, e os primeiros EP saqueinos en 2018.
-Cales son as diferenzas entre os principais estilos da música electrónica?
Hoxe en día hai moito subxénero dentro de cada xénero, é un tema moi amplo. Entre house e techno hai unhas diferenzas tanto a nivel de elementos, como sintetizadores, e tamén hai unha diferenza na velocidade de reprodución. Os elementos house van máis lentos e os techo son máis rápidos.
-Evolucionou moito o techno desde que empezaches até o día de hoxe?
Sinceramente, este é un dos mellores momentos. O que está acontecendo agora é unha alegría e un orgullo porque é un traballo de moitos anos. Agora estamos vendo como xa hai unha terceira xeración creando máis música electrónica e durante este ano están sucedendo cousas impresionantes. En todo o mundo, bandas doutros xéneros están pedindo colaboración de produtores de electrónica, o mesmo todas as marcas queren facer todo tipo de colaboracións. O sector está vivindo un momento moi favorable e moi bonito porque é algo interiorizado e que se está normalizando. Hai anos a cousa podería ir máis lenta ou non se entendía tanto, mais agora si.
-Non só haberá público de Viveiro e da Mariña no Festival Ether. De onde procede o público que tedes no festival?
Temos datos apuntando toda a xeografía nacional, mais principalmente é publico galego. A diferenza de Ether e onde queremos marcar a nosa pegada, non queremos ser un macrofestival senón que buscamos crecer de maneira natural, tal como fixemos nos últimos anos, onde a persoa que se achega viva unha experiencia agradable, esa é un pouco a nosa filosofía de evento e festival.
-Cal é a filosofía de Ether Kids?
É unha colaboración que facemos xunto a Eureka Actividades. Comezamos con ela na segunda edición en 2016. Hai xogos, temos un taller chamado “Eu quero ser Dj” onde lle describimos aos pequenos os coñecementos básicos do funcionamento da mesa de misturas, das máquinas e a maiores diso e a partir de aí xa poden probar facer as súas pezas xogando coa mesa de misturas, algo para que teñan eses coñecementos.
-Tes estudado a historia deste estilo musical?
Si, é un movemento con anos detrás. Todo o movemento que houbo entre os 80 e os 90 para min ten as súas raíces no techno Detroit. Foron traballando con caixas de ritmo e a partir de aí a evolución que foi tendo o mesmo sonido.
-Cales son as espectativas para esta sexta edición?
Esta edición, coma todas, para nós é especial. Hai un cambio de ubicación, queremos que a xente goce nun ambiente diferente nun lugar diferente e a nosa motivación é seguir traendo música doutros lugares de Europa. Outra das nosas claves é o apoio aos artistas emerxentes e mirando un pouco os line ups que houbo en anos anteriores e todos os artistas que pasaron, porque xa son artistas consolidados a nivel nacional e internacional.