InicioCentralLourenzáO pasado galeguista e republicano de Paco del Riego: cando Galicia "era...

O pasado galeguista e republicano de Paco del Riego: cando Galicia “era unha colonia”

Justo Beramendi analiza os anos de formación, durante a II República, nos que o autor defendeu como líder estudantil unha universidade galeguizada e modernizada e foi un membro moi activo do Partido Galeguista. Uxío Breogán Diéguez: “Foi o deseñador da reconstitución do Partido Galeguista na clandestinidade, xunto a outras figuras como Xaime Illa Couto e Ramón Piñeiro”.

Publicada o

- Advertisement -

O perfil máis político de Francisco Fernández del Riego, dende os anos mozos da II República ata a resistencia durante a ditadura, centra a segunda xornada do curso Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX. O encontro arrincou esta mañá cunha contribución sobre os anos de formación política e intelectual antes da guerra, período no que se revelou como líder estudantil e destacado membro do Partido Galeguista malia a súa mocidade. O programa continúa cunha mesa redonda na que se aborda a experiencia do protagonista do Día das Letras Galegas 2023 na guerra civil como soldado forzoso de Franco e o seu papel na fanada reconstrución do Partido Galeguista na clandestinidade; e un relatorio sobre o labor tendendo pontes entre a Galicia interior e a Galicia exterior durante a ditadura, que exerceu dende Vigo actuando como un auténtico “cónsul da diáspora”, en palabras do director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares.

O profesor Xesús Alonso Montero abrirá a tarde cunha conferencia na que analizará en clave política a amizade entre don Paco e Luís Seoane e a xornada concluirá cun percorrido didáctico pola vila natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2023 guiado polos estudos locais da súa figura Manuel Román e Xosé López.

 O foro, coorganizado pola Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá no marco dos cursos de verán da USC, desenvólvese co apoio da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación. O auditorio da Casa do Concello acolle as intervencións, que poden seguirse tamén en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da Real Academia Galega.

NACIÓN GALEGA

O programa deste martes comezou cunha achega de Justo Beramendi sobre a etapa universitaria de Del Riego. O excatedrático de Historia Contemporánea da USC non puido estar presente en Lourenzá, pero o seu traballo foi lido polo tamén historiador Uxío Breogán Diéguez. O profesor sitúa o homenaxeado na que se podería chamar a segunda xeración nacionalista, a que vén xusto despois da dos fundadores das Irmandades da Fala en 1916. Con só 18 anos enrolouse na Asociación Nazonalista de Santiago, que se integraría pouco despois, en decembro de 1931, no Partido Galeguista. Fíxoo probablemente recrutado por Lois Tobío, estudante de Dereito coma el e o seu introdutor nos círculos galeguistas da universidade, onde chegaría a ser líder estudantil.

Situado na liña liberal-demócrata, “tanto polas súas ideas coma polos seus actos”, entrou no nacionalismo galego asumindo a idea de nación, na súas propias palabras nun artigo de 1933, “como entidade natural produito da espontaneidade do desenrolo histórico”, que se contrapón á do Estado, “obra dos homes, entidade artificial”. “Nunca abandonará totalmente esta idea pero si que a hibridará co concepto liberal para dar maior coherencia ás súas actitudes políticas. Será un dos poucos en facelo nese momento no seo do galeguismo”, analiza Beramendi. “Na súa diagnose dos problemas de Galicia, que chega a chamar colonia (1932), préstalle moita máis atención aos de natureza política e cultural, como a opresión nacional, a marxinación da lingua e a cultura propias, que aos de índole socioeconómica (atraso, emigración) e, como todos os galeguistas dende Murguía e Rosalía, apón a responsabilidade maior deses males a Castela que, a través da España-Estado, asoballa co centralismo as demais nacións ibéricas e lles impón a súa lingua e os seus valores”, engade Beramendi.

MODERNIZACIÓN DA UNIVERSIDADE

Del Riego exerceu o seu activismo nacionalista dende distintos espazos, tamén o universitario, empezando pola Federación Universitaria Escolar (FUE). Malia os seus reiterados esforzos, o nacionalismo non puido construír unha organización universitaria propia, pero conseguiu unha notable influencia nesta de carácter estatal grazas ao esforzo de distintos estudantes do Partido Galeguista, entre eles el mesmo. “Ademais de promover cursos extracurriculares sobre historia, literatura, lingua e xeografía de Galicia e de dirixir a efémera revista Universitarios, publicou en varios periódicos artigos nos que reclamaba unha universidade galeguizada, modernizada, autónoma e con máis titulacións, concretamente Veterinaria e Arquitectura. En marzo de 1933 encabezou, xunto con Carballo Calero, un manifesto, asinado por vinte e cinco estudantes, que pedía unha universidade menos funcionarial, máis científica, centrada na realidade de Galicia e accesible aos mozos con menos recursos porque os estudos superiores debían ser un dereito de todos e non un privilexio”, detalla o historiador.

PARTIDO GALEGUISTA

Del Riego compaxinou o activismo universitario cunha militancia intensa no Partido Galeguista. “Participou como orador nas campañas do partido e prodigouse no eido que mellor se lle daba: a prensa. Dende ela reclamaba a autonomía de Galicia antes do inicio do proceso autonómico, atacaba o españolismo dende A Nosa Terra e apostaba polo triunfo do nacionalismo. Pero non só escribiu, tamén participou na creación de novos periódicos políticos como Alento. Boletín de estudos polítecos (1934) e Ser. Semanario de izquierdas (1935)”, repasa.

En 1934 aquel mozo natural de Lourenzá acadou as maiores responsabilidades orgánicas da súa curta carreira ao ser elixido secretario xeral da organización xuvenil do PG, a Federación de Mocedades Galeguistas, e tamén subdirector d’A Nosa Terra e membro do consello galego de Galeuzca. Máis adiante participaría moi activamente nas campañas triunfantes das eleccións de febreiro de 1936 e a posterior do referendo do Estatuto. “Por fin o nacionalismo galego conseguía unha gran vitoria, mais a alegría do 28 de xuño durou só tres semanas. Cando chegou a barbarie xenocida, Del Riego salvou a vida por pouco, e con ela o seu compromiso con Galicia para o resto da súa longa vida”, conclúe Beramendi.

RECONSTITUCIÓN DO PG

O relanzamento do Partido Galeguista nos anos 40 do pasado século após o golpe militar de xullo de 1936 foi un labor no que Francisco Fernández del Riego participou de maneira destacada, salienta Uxío Breogán Diéguez. “Foi o deseñador da reconstitución do PG, xunto a outras figuras como Xaime Illa Couto e Ramón Piñeiro. E ademais sería o encargado das relacións co exterior do galeguismo, mantendo as pontes entre o galeguismo político do interior e o do exilio”, sintetiza. Un proceso político desenvolvido na clandestinidade ao servizo do galeguismo a partir do cal -contextualiza- nacerían outros proxectos, como a editorial Galaxia, a revista de pensamento Grial ou o Día das Letras Galegas, entre outras iniciativas, e que provocou que ingresase en prisión en dúas ocasións, igual ca outros compañeiros.

Ramón Villares profundou na relación do autor coa diáspora en América. “Del Riego exerceu durante anos unha especie de representación oficial dende Vigo do Centro Galego de Buenos Aires, que era o máis importante de América,  e ao mesmo tempo exerceu labores propia dun consulado: recibía os que viñan, mostráballes Vigo, enviáballes libros, despedía os que marchaban e proxectaba a imaxe de persoeiros importantes da nosa cultura cara a fóra. O traballo que desenvolveu foi moi importante para manter vivas as relacións entre o interior e o exilio, e especialmente intenso dende que se restauraron as relacións epistolares tras a segunda guerra mundial e ata aos anos 60. Del Riego foi o elo fundamental entre o exilio e a emigración da Arxentina, pero tamén do Uruguai, Venezuela e, en menor medida, México. Servía de enlace para todo”, resume o director da Sección de Historia da RAG.

LUÍS SEOANE

Nalgunhas diferenzas afondará pola tarde Xesús Alonso Montero nun relatorio sobre o diálogo entre o exilio interior e o exterior a través do epistolario de Fernández del Riego e Luís Seoane, “o máis rico en información, ás veces un pouco críptica, como tiña que ser entre dúas persoas que falaban de política naquela altura”, interpreta o académico. Os dous persoeiros, amigos dende os tempos de estudantes na USC, intercambiaron preto de 300 cartas entre 1946 e 1979, semanas antes do pasamento do artista. Son misivas entre dúas persoas “que se queren e se admiran”, que se entendían ben, pero nas que tamén queda rastro da “fragmentación política” na diáspora e na resistencia do exilio interior, destaca.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...