-Como entraches no reparto de ‘O Corno’? Tiñas experiencias previas coa directora?
Non tiña experiencia previa con ela, mais eu coñecía o seu traballo e ela coñecía o meu. Mostroume na preprodución o seu interese e logo pasei un proceso de casting.
-Para construír o teu papel recibiches axuda doutros actores e actrices ou foi unha construción completamente túa?
Nesa construción do personaxe sempre hai unha parte persoal ou individual, outra parte de traballo con direción e logo isto acábase de completar en base aos compañeiros de reparto. No meu caso é un personaxe familiar, son a muller que rexenta un furancho co seu home e coa súa filla. Entón, cando se está filmando, acaba de concretarse o personaxe sempre co resto do elenco e en concreto, con María, a muller protagonista que o meu personaxe acolle na súa casa nun momento da fuxida que María está facendo. Resumindo, hai un traballo persoal, un traballo coa directora para buscar unhas características e establecer uns trazos propios e, por último, completar cos demais. Porén, eu vexo a construción do personaxe como unha cuestión colectiva. Vas absorbendo cousas durante o proceso de rodaxe e durante os ensaios.
-Cal é o papel que desenvolve a túa personaxe dentro do filme?
O filme conta a historia de María, unha mariscadora que ademais axuda ou asiste en partos. Por un acontecemento fortuíto fuxe da súa vila. Durante traxecto de fuxida descúbrese unha rede de sororidade, como unha alianza entre mulleres, que a vai axudando na súa travesía. O meu personaxe acolle a María na súa casa, un furancho que ela leva co seu home máis coa súa filla. Alí estará agochada un tempo até que parte ao seu destino final. Pódese dicir que hai varias protagonistas axudando a María no seu camiño de fuxida, mostrando esa sororidade entre os personaxes femininos.
-Dis que o teu personaxe leva un furancho, algo moi típico no sur das Rías Baixas. Eu máis ti somos do norte de Galicia onde non existe esta tradición. Como te informaches sobre estes establecementos?
Pois facendo un labor de investigación sobre os mesmos. Intentei visitar algún, mais era un momento en que estaban pechados os tradicionais pola zona do Salnés, os que tiñan un loureiro no tellado. Porén, o traballo de documentación e investigación tamén me valeu para entrar nese mundo medio clandestino, pois fun preguntando por aquí, por acolá; pois todo iso serviu para construír o meu personaxe. Ao final dei cun furancho que agora ten un aspecto máis parecido a calquera establecemento, mais si coñecín a muller que o levaba, unha tradición que recollera do seu pai que o iniciara como se facía no seu tempo, vendendo uva. Así pois, durante a construción do personaxe tamén os furanchos aportaron materia para facelo.
-Profesionalmente formácheste no mundo da música mais cóntanos como entraches no mundo da interpretación?
Formeime en teatro, principalmente nunha compañía de teatro de Santiago, O Teatro do Pichel, aí foi onde a interpretación e máis eu nos encontramos e estiven por sete anos. Ademais, tamén estiven na Escola de Teatro da USC. A partir de aí funme entusiasmando coa interpretación e deuse a ocasión de participar nunha longa cando me viron Eloi Enciso e Beli Martínez para entrar no filme “Longa Noite”, iso foi no 2019 que se estreou, e de aí en diante viñeron máis traballos. O segundo foi “Eles transportan a morte” e logo este, “O Corno”.
-Supoño que estiveches en San Sebastián durante a proxección no festival. Cal foi a sensación que che transmitiu o público despois de ver o filme?
Tivo unha acollida moi boa, mesmo foi un dos momentos máis emocionantes da visita ao festival, vivir co público e co equipo a estrea e a primeira visualización. O público acolleuno moi ben cun aplauso longuísimo ao final. No festival de San Sebastián hai un protocolo, despois de finalizar a proxección dos filmes da sección oficial, o público sae da sala e espera que o equipo do filme saia. Ese foi un momento moi intenso porque esperou todo o público aplaudindo de maneira sentida e emotiva. Foi como un momento de comuñón entre equipo e público.
-No filme es unha muller casada e cunha nena. Como se consegue crear unha atmosfera de familia para transmitila na pantalla?
Con moitos ensaios tanto co actor que facía de meu home como coa nena que interpretaba a filla. Realmente foi moi bonito traballar nesa interacción entre os tres para chegar a comunicarnos e crear o vínculo afectivo.
-Ademais diso, tamén terías que aprender a moverte e expresarte tendo en conta o contexto temporal, o local e mesmo o lingüístico. Fixches algún tipo de traballo extra tendo en conta estes factores?
Como estabamos no Baixo Miño, o lugar onde se desenvolve a acción, tamén traballamos cunha linguísta para recoller o sotaque da zona e tamén están as visitas aos lugares onde se desenvolvían as escenas.