No pleno da Corporación Municipal de Ribadeo, celebrado onte, foron aprobadas unha modificación orzamentaria por importe de 160.000 euros e a actualización da ordenanza municipal reguladora das axudas para a conciliación da vida laboral e familiar.
O alcalde, Dani Vega, explicou que “na pasada tarde noite celebramos o pleno municipal no que abordamos varios asuntos, como a aprobación dunha modificación orzamentaria, onde no Concello días pasados decidíamos destinar unha cantidade para investir, para mellorar certas instalación e espazos. E o que fixemos en paralelo foi xestionar ante a Xunta de Galicia para intentar aforrar eses cartos de fondos propios e facelo a través de fondos da Xunta”.
O rexedor subliñou que “falamos de obras como a renovación da contorna do parque de San Francisco, onde iamos investir 40.000 euros e agora será unha cantidade moi superior, grazas á colaboración e á xestión coa Xunta; ou no pavillón de deportes de Cubelas, onde investiremos con fondos da Xunta máis de 20.000 euros; na residencia municipal, onde instalaremos uns toldos, un cenador, para facer actividades tamén ao aire libre cun investimento aproximado aos 20.000 euros; obras de reposición no propio Concello, nas que tiñamos previsto investir 30.000 euros e agora a Xunta de Galicia financiará o 100% destes traballos; ou nas melloras do centro de día. Aquí é unha cantidade superior, son 50.000 euros, que investirá a Xunta na mellora das instalacións que levan moito tempo non moi coidadas e conservadas e era conveniente investir”.
Vega indicou que “estamos a falar dun aforro de fondos propios do Concello de Ribadeo de máis de 160.000 euros, dos que o 100% os financia a Xunta de Galicia. Iso faise con traballo, faise con xestión e cunha dedicación por Ribadeo”.
O alcalde contou que “tamén aprobamos a actualización da ordenanza municipal reguladora das axudas para a conciliación da vida laboral e familiar, incrementando a idade e a cantidade que lles imos subvencionar ás familias”.
Dani Vega considera que “estamos traballando na liña correcta, con toda a humildade o dicimos, pero estamos nesa xestión, traballando e dedicándonos por Ribadeo e traballando entre todos para que Ribadeo siga avanzando”.