InicioCulturaAntón Riveiro: "Moitas veces non se fala do fracaso na emigración"

Antón Riveiro: “Moitas veces non se fala do fracaso na emigración”

Antón Riveiro (Xinzo de Limia) é o primeiro gañador do Premio Álvaro Cunqueiro de Novela da que é a súa primeira edición. A obra pola que foi premiado, 'Hotel Carioca', nace dunha mestura entre o vivido persoalmente e a imaxinación dun autor, por outra parte, cunha obra literaria xa extensa e con recoñecementos varios á mesma.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal é a sensación de ser o primeiro autor premiado co Álvaro Cunqueiro de Novela?

É unha grande alegría pois son escritor precisamente pola existencia de autores como Cunqueiro. que cando lin os seus libros descubrín un mundo de imaxinación case imposible. Tamén é como un proceso de imitación destes autores que tocan o mundo coas palabras e ás veces son capaces de imaxinar universos que non existen. Mais insisto, moita alegría, unha gran sorpresa e o orgullo de levar o nome de Cunqueiro asociado ao currículo da miña obra.

-A súa novela titúlase Hotel Carioca. Como describiría este seu traballo?

Hotel Carioca é como unha matrioshka, unha desas bonecas rusas, pois dentro ten varias novelas. Unha novela de formación, unha novela de crecemento e unha novela sobre a transición da infancia á madureza. A protagonista enfróntase a desafíos e experiencias moi significativas que funcionan como aprendizaxe. Mentres tanto, vaise desenvolvendo a trama que se perfila na propia identidade da rapaza, que será a protagonista e tamén acabará sendo escritora. Ademais, é unha novela policial na súa segunda parte, aí pretendo crear suspenso e intriga para descubrir a verdade e resolución dun misterio como é neste caso o móbil dunha morte e dun asasinato. Hai unha novela psicolóxica porque os personaxes loitan coas contradicións e isto tamén vai impulsando a trama. Esta última vaise desenvolvendo a través da perspectiva dos personaxes, isto permite ao lector meterse na mente da protagonista e ver a historia a través dos personaxes. Hotel Carioca é unha novela metaliteraria, como xa fixen noutros libros onde o texto non é só o resultado final, senón o proceso que leva a novela, pois vira sobre si mesma e vense todos os pasos que se dan no momento de escribir. Con todo, sempre digo que convén non esquecer que esta ficción saída da metaliteratura tampouco vén da nada, pois ten os pés metidos na vida e na mesma experiencia.

-No acto de entrega afirmouse que a novela tece pontes coa lusofonía. Como valora este apuntamento?

As pontes son fundamentalmente físicas e lingüísticas, mais penso que o comentario referíase á emigración ao Brasil. Moita emigración galega foi a este país aínda que non foi tratada. Fálase tamén do personaxe principal e das poucas dificultades para comunicarse, pois estamos diante, se non de dúas linguas, dunha lingua común que con algunha diferenza vai aceptando outras expresións, outras palabras reflectidas nas cartas enviadas desde Brasil. Mais penso que fundamentalmente, as pontes son físicas.

-Persoalmente coñeceu a emigración ao Brasil?

Quixen tratar o tema da emigración porque na familia paterna houbo unha alta emigración, de oito irmáns, cinco emigraron a diferentes países e só un tivo certo éxito. Moitas veces non se fala do fracaso da emigración e só se fala de quen triunfou no seu lugar de destino. Por iso digo que tamén hai unha emigración do fracaso, explotada e marxinada, con barreiras lingüísticas e en moitas ocasións en condicións precarias. En moitos casos, como foi cos meus tíos, tiveron dificultades para integrarse, logo tiveron atrancos para volveren a Galicia, un pouco porque as familias medraban, aparecían os fillos e os netos que nacían neses países e ao final non podían volver. Eu tamén quería tratar ese tipo de emigración que neste caso me tocaba cerca, aínda que esta non é a historia da miña familia paterna, mais si está na novela porque están presentes moitos elementos que configuraban a personalidade dos irmáns de meu pai.

-Por que decidiu escoller unha protagonista tan nova para a novela, Helena, de 13 anos?

Tamén ten que ver comigo porque cando chegara a carta da morte de meu tío en Río de Janeiro, eu debería ter catorce ou quince anos, non recordo ben. Aínda así foi unha noticia que sacudiu a familia. Eu todos os domingos ía á casa da miña avoa para lerlle as cartas que lle enviaba seu fillo desde Brasil. Iso deume a idea de construír esta historia, a de Helena, que non son eu mais ten moitas cousas miñas e doutros membros da familia. Foi unha escolla, eu creo, afortunada.

-Como foi introducirse na mentalidade dunha adolescente de trece anos? Partíu da súa propia experiencia?

É difícil escapar de nós mesmos, iso ás veces é case imposible. Mais tamén un escritor ou escritora debe vestir a pel dos personaxes que non corresponden con el ou ela e iso é un desafío. Iso é algo que non se nos pode negar, estar na pel doutra persoa, doutros seres, como un animal. Non foi doado aínda que si foi unha experiencia marabillosa porque te involucras nestas historias con estes personaxes e ao final absorbes a súa personalidade. Iso permite crear diferentes actitudes e características dalguén que coñeces ou imaxinas, foi un reto marabilloso.

-Indo á figura de Cunqueiro. Cales dos seus textos foron os máis importantes ou destacados para vostede?

Practicamente todo, desde as novelas, os artigos e os libros de cociña. É certo que a primeira descuberta foi a de Se o vello Simbad volvese ás illas e As crónicas do sochantre, que me gustou moito tamén. Sobre todo gustábame como era capaz de imaxinar nos seus libros países como Bretaña, realmente non sei como se pode ter tanta imaxinación. Tamén me sorprende como era capaz de tratar calquera cousa, como era capaz de tratar os personaxes das feiras, tratar toda a idiosincrasia que tiñan os galegos do mundo rural, do mundo eclesiástico, todo un mundo de fantasía que el era capaz de crear. Sempre que me preguntan cal é para min o mellor escritor, sempre digo Blanco Amor e Cunqueiro como novelistas. Gustaríame ter toda esa imaxinación de Cunqueiro. Por outra parte, se tivese que escoller algunha das súas obras, creo terlle lido practicamente toda a obra e algunha vez recunquei, porque sempre me sorprende. É un dos mellores escritores, non só en galego, senón que as obras publicadas en castelán deberían estar máis arriba do que están.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...