InicioOs galegofalantes de Asturias poderán usar o galego no Congreso dos Deputados

Os galegofalantes de Asturias poderán usar o galego no Congreso dos Deputados

A asociación felicitouse pola resposta da presidenta do Congreso, remarcando que o galego é "unha das tres linguas que se fala en Asturias aínda que non sexa oficial no Principado" se poida usar na Cámara Baixa.

Publicada o

- Advertisement -

A presidenta do Congreso dos Deputados, Francina Armengol, remitiu unha carta á asociación para a normalización do galego de Asturias, Axuntar, na que lle traslada que os asturianos que falen galego poderán facelo na Cámara Baixa por ser unha lingua oficial do Estado.

O colectivo explicou en nota de prensa que en setembro se dirixiu a todos os grupos do Congreso salvo Vox para facer unha serie de reclamacións, entre as que figuran que “se lle dea o valor que merece” ao feito de que o galego é, na súa opinión, “unha das linguas propias de Asturias”.

Tamén solicitaban que desde o Congreso se dean pasos cara a “a súa dignificación idiomática, a súa conservación e promoción e para evitar secesións lingüísticas que algúns pretenden, mediante o uso de glotónimos como o de eonaviego, que tentan ocultar que o que falan miles de asturianos é galego, sen que iso supoña ningún problema identitario, administrativo nin de ningún tipo, senón que é un feito obxectivo e científico desde o punto de vista lingüístico”.

A asociación felicitouse pola resposta da presidenta do Congreso, remarcando que o galego é “unha das tres linguas que se fala en Asturias aínda que non sexa oficial no Principado” se poida usar na Cámara Baixa. Aseguran desde Axuntar que o galego é a lingua “propia” duns 40.000 asturianos que residen na comarca do Eo-Navia. “Tamén noutras zonas da comunidade autónoma e do resto do mundo, especialmente nas grandes cidades, dado o éxodo poboacional que sofre o Occidente asturiano”, agregan.

Na súa carta, Armengol recalca que “o avance cara ao plurilingüismo suporá que os representantes dos cidadáns de Galicia ou de Asturias poidan expresarse en galego tanto por escrito como oralmente nas súas intervencións na cámara”, así como que “os cidadáns e cidadás de Galicia ou de Asturias poidan escoitar ou ler en galego aos seus representantes”.

“As linguas non deben ser un elemento de confrontación, senón unha ferramenta para o diálogo”, indicou, sinalando que non fomentará desde a súa posición “polémicas estériles nin debates que poidan ofrecer unha imaxe irreal da riqueza que compartimos”. “Interésame moito máis participar en iniciativas que sirvan para difundir as linguas dentro e fóra do seu ámbito lingüístico e dar a coñecer este tesouro ao conxunto de cidadáns e cidadás de España”, engade Armengol na súa resposta á asociación de defensa do galego de Asturias.

A presidenta do Congreso asegura ademais que outro dos obxectivos que se buscan favorecendo e normalizando o uso das linguas oficiais na cámara é “o de recoñecer a realidade diversa do Estado, que é unha fonte de riqueza, e avanzar polo camiño da pluralidade lingüística, recoñecida e amparada pola Constitución española, que no seu artigo terceiro establece que as linguas de España constitúen unha riqueza que debe ser obxecto de especial respecto e protección”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...