A Central Sindical Independente e de Funcionario (CSIF) denuncia nun comunicado “a temeraria sobrecarga de traballo e a gravísima situación que sofre o Centro de Saúde de Viveiro pola alarmante falta de médicos e pediatras”. Culpa á Dirección de Atención Primaria de falta grave de previsión, estratexia e planificación dos recursos humanos.
Denuncia a situación que vén soportando este Centro de saúde desde hai moitos anos, que empeorou coa pandemia pero que cada vez se recrúa máis. A central sindical apunta que “a Xerencia da área Sanitaria coñecedora, e por tanto consentidora, desta situación parece que a quere “normalizar””. Critica esta situación, que é repetida, non en días puntuais como a Xerencia manifesta en distintos medios de comunicación.
Desde o sindicato exponse a pregunta de como o centro de saúde, con só dous médicos de persoal en quenda de mañá, poden atender unha demanda de prestación sanitaria tanto de nenos como de adultos, que abarque as emerxencias, urxencias, domicilios, citas presenciais e telefónicas, renovación de receitas etc… de toda a poboación de Viveiro; mesmo días onde se engade Vicedo e Ourol. Para o sindicato é unha irresponsabilidade e nefasta planificación da Dirección de Atención Primaria.
A central sindical recalca que a situación é insoportable e inaguantable para os traballadores. “Desesperados pola altísima carga de traballo, desbordados, saturados e excedidos. Os profesionais están ao límite”. CSIF esixe á Xerencia da área Sanitaria solucións urxentes e déixense de “parches” para restablecer a situación.
Demandan que dispoñan de todos os recursos necesarios para que os traballadores teñan unhas condicións dignas de seguridade e de saúde no traballo, e que non teñan que traballar en condicións “patolóxicas” como actualmente. Piden tamén se repare e ofrezan un servizo sanitario público á poboación que por dereito correspóndelles.