A empresa BeOne, concesionaria da piscina municipal de Ribadeo, patrocinará a Festa do Comercio de Acisa e a Gala para conmemorar o 35 aniversario da asociación. Acisa e BeOne así o plasmaron no convenio de colaboración asinado por Roberto Ramos, CEO de BeOne, e Carmen Cruzado, presidenta do colectivo empresarial ribadense.
Ramos declarou que “desde BeOne colaboramos coas entidades locais daqueles municipios nos que estamos presentes. En Ribadeo levamos anos xestionando a piscina municipal, apostando e investindo na mellora das nosas instalacións. Desde Acisa presentáronnos esta proposta de patrocinio e aceptámola”.
O CEO de BeOne manifestou que “ademais neste caso, persoalmente sinto un agarimo especial por Ribadeo, onde resido, e pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, que presidín hai uns anos”. A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, tivo palabras de agradecemento para Roberto Ramos e para BeOne: “queremos agradecerlle a Roberto Ramos especialmente e a BeOne, que vaian colaborar connosco no 2024, un ano que será importante para Acisa, porque a asociación conmemorará o seu 35 aniversario. Farano na Festa do Comercio e en Gala de celebración, que empezaremos a organizar en breve. Sabemos da querenza de Roberto Ramos por Ribadeo e por Acisa e dámoslle as grazas por acompañarnos no noso camiño”.
Cruzado explicou que “as asociacións, como Acisa, nutrímonos das cotas das nosas socias e socios, e de subvencións de diferentes administracións como Xunta, Concello e Deputación. Acisa é un colectivo moi activo que organiza unha cantidade importante de actividades ao longo do ano, ademais de dotar de materiais gratuítos aos seus asociade@s. Por este motivo sempre precisamos de máis partidas económicas. E nesta ocasión decidimos chamar ás portas da iniciativa privada”.
E engadiu: “parécenos moi importante e positivo que as empresas se decidan a colaborar economicamente connosco patrocinándonos, isto quere dicir que as actividades que realizamos desde Acisa resultan atractivas para o conxunto da cidadanía e do colectivo empresarial. Esperamos que máis firmas de Ribadeo sómense a esta andaina que iniciamos con BeOne”.