O Colexio Martínez Otero de Foz comeza unha serie de actividades extraesclares para este mes de novembro. Entre os diferentes actos que levarán adiante desde este centro estivo a visita o xoves 2 de novembro que os cursos de 3° e 4° de primaria fixeron ás instalacións da Central Leiteira Río no polígono do Ceao en Lugo.
Durante esta visita, o alumnado puido coñecer o mundo da produción do leite. Comezaron co visionado dun vídeo que explicaba o proceso desde que o leite é extraído da vaca até chegar ás nosas mesas. Despois desta introdución, puideron ver as instalacións da factoría, manipular diferentes envases e mesmo tiveron a oportunidade de muxir unha vaca.
Esta experiencia foi unha forma excepcional de conectar aos nenos e nenas co mundo real e de ofrecerlles unha visión profunda de como funciona a industria láctea e o seu impacto nas nosas vidas. “É un exemplo claro do compromiso do Grupo Lence coa educación e o futuro das novas xeracións”.
Lence é un grupo familiar dedicado á alimentación desde 1975. O seu obxectivo principal é ofrecer aos seus clientes produtos e servizos cunha excepcional relación entre calidade e prezo, ao mesmo tempo que traballan na construción dun mundo máis saudable e sustentable. Para logralo, esfórzanse en proporcionar produtos de alta calidade, respectuosos co medio ambiente e co benestar dos animais, asegurando que os seus prezos sexan xustos e accesibles para o maior número de persoas posible.
Desde o centro sinalan que a experiencia “foi unha excelente oportunidade para aplicar na práctica os conceptos aprendidos na aula. Agradecemos esta oportunidade para permitirnos promover unha alimentación máis saudable e consciente e aprender sobre as prácticas agrícolas sostibles e a xestión de residuos”. Ao remate da visita, o noso alumnado foi obsequiado con diferentes produtos da central leiteira, o que engadiu un toque especial a esta emocionante experiencia educativa.
O pasado venres 3 de novembro, o alumnado de 3° da ESO puido coñecer as Covas do Rei Cintolo. Esta actividade, ofertada polo Servizo Provincial de Deportes de Lugo, ten como obxectivo principal que o alumnado se poida achegar ao mundo da espeleoloxía.
A Cova do Rei Cintolo está a 6 quilómetros do Concello de Mondoñedo, na parte occidental do Monte Coto Redondo e dentro da parroquia de Argomoso. Destaca como a cova calcárea de maior tamaño en Galicia, cunha extensión total de 6.500 metros, dos cales 4.546 metros xa foron debidamente cartografiados.
Xa nesta semana, o alumnado de 3° e 4° de primaria e de 3º e 4º da ESO participaron no día de onte nunha interesante charla sobre a recollida selectiva de orgánicos na nosa bisbarra. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense está a levar a cabo unha campaña de concienciación para informar sobre a recollida selectiva de residuos orgánicos que se implantará no concello de Foz nos vindeiros meses a través de contedores de cor marrón.
Reducir, reciclar, reutilizar e recuperar enerxeticamente, a norma dos catro R que cómpre ter en conta desde moi pequenos. Estiveron moi atentos a todo canto dixo a poñente Cristina Cabana. Entre outras cousas, explicoulles con minuciosidade que no contedor de cor marrón verteremos residuos de orixe orgánica, e que a maior parte dos residuos que se depositan nestes contedores son restos de comida, aínda que tamén se poden desbotar restos de poda e plantas.