O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asumiu este xoves o “compromiso” de que “a primeira obra” que impulsará o “novo goberno da Xunta” en 2024 será a Vía de Alta Capacidade Costa Norte, e a censurou que os gobernos autonómicos do PP deixaron “tirada” a comarca da Mariña nos últimos 14 anos.
En declaracións aos medios durante unha visita a Viveiro, na que estivo acompañado polo secretario xeral do PSdeG en Lugo, José Tomé, o candidato socialista lembrou que A Mariña “leva 14 anos sen novas licitacións” e que a última foi precisamente a tramitada polo bipartito. “Nos últimos 14 anos, nos orzamentos da Xunta houbo partidas que nunca se executaron. Isto condena a esta parte da Mariña ao absoluto illamento”, denunciou.
Gómez Besteiro sinalou que “é unha obra fundamental para A Mariña, e o PP que tanto fala de querer defender A Mariña, cos seus feitos demostra o contrario, deixouna absolutamente tirada”. Segundo reiterou, o compromiso dos socialistas galegos é “iniciar inmediatamente eses novos tramos para conectar o viario que leva de Ferrol a San Cibrao” en 2024.
Por outra banda, e preguntado acerca da autovía da Mariña, a A-74, Gómez Besteiro apuntou que o Goberno está “a terminar os últimos estudos informativos”, e que houbo problemas, como a necesidade de repetir o trámite de exposición pública. Respecto diso, recalcou que se mantén o “compromiso” do Executivo con esa infraestrutura, para “empezar a executar partidas”, despois de “anos de atraso” cos gobernos de Mariano Rajoy.